A Concelleira de Economía participa nunha xuntanza sobre Cidades Intelixentes organizada polo Eixo Atlántico

Martes, 11 de junio de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, participa hoxe nunha Xornada sobre a Axenda Local Dixital e Cidades Intelixentes organizada polo Eixo Atlántico, que se celebra na localidade portuguesa de Viana do Castelo, na que concellos de Galicia e Portugal aunan esforzos para conseguir novos fondos europeos.

Na reunión participan vinte representantes municipais de Galicia e do Norte de Portugal que traballan no deseño dunha estratexia dixital común.  O obxectivo é establecer un camiño conxunto para reducir a fenda dixital e que todos os cidadáns teñan a mesma posibilidade de acceso ás tecnoloxías, xa que se calcula que actualmente o 30% da poboación de España nunca usou a internet.

A Unión Europea considera que os concellos, pola súa proximidade ós cidadáns, son a administración que máis poden facer para acabar coas dificultades no acceso ás novas tecnoloxías, que afectan especialmente a persoas que viven na zona rural e a sectores que parten en situación de desvantaxe por razóns socioeconómicas, de idade ou de xénero.

A Comisión Europea daralle prioridade á sostenibilidade e á innovación na nova programación de fondos a partir de 2014 e por este motivo, segundo explicou Sonia Méndez, “temos que estar preparados e, por iso, no Concello de Lugo xa levamos un tempo traballando, integrámonos na Rede de Cidades Intelixentes, temos presentado un proxecto Smart City ó Goberno e xa temos conseguido o apoio do Eixo Atlántico para captar fondos”.

O primeiro Concello de Galicia en conseguir financiamento para unha iniciativa deste tipo foi o da Coruña e o Eixo Atlántico aposta porque os seguintes en recibir fondos para proxectos destas características sexan Lugo, que dispón dun proxecto Smart City moi ben valorado polo Ministerio de Economía e Competitivade, e Santiago.

Na xornada organizada polo Eixo Atlántico falouse, entre outras cuestións, da importancia das Axendas Dixitais Locais na estratexia política, os retos de futuro das cidades europeas e as oportunidades de financiamento. Como ponentes interviron o Director Xeral de Administración Local da Xunta, o Secretario de Estado para a Modernización Administrativa do Goberno de Portugal, o Asesor Xefe de TI da Comisión Europea, o Presidente do INEO e representantes dos concellos de A Coruña, Pamplona, Porto e Sabadell, entre outros