O Concello de Lugo manterá conxelados, un ano máis, os impostos, taxas e prezos públicos en 2015

Lugo é a oitava capital de provincia de España co IBI máis barato e a décima co IAE máis baixo

Jueves, 30 de octubre de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo seguirá sen subir o ano que vén os impostos, taxas e prezos públicos. Anunciouno esta mañá a Concelleira de Economía, Rosana Rielo, quen explicou que "dende o ano 2008 mantense a presión fiscal no Concello de Lugo, agás a suba do IBI que a Administración local se viu obrigada a aplicar por imposición do Goberno do Partido Popular". 

“É unha noticia moi boa para a cidadanía”, destacou Rosana Rielo, xa que “un ano máis, este Goberno decidiu conxelar os impostos, taxas e prezos públicos” e salientou que "esta decisión débese ó compromiso asumido polo Goberno local de axudar ós veciños de Lugo nunha época de crise económica como a que estamos a atravesar e, por elo, non aumentamos a presión fiscal que sí sobe noutros concellos”.

“Estamos facendo un esforzo moi importante dende o Concello para non repercutir nos cidadáns os efectos da situación económica e que elo non lle afecte de ningún xeito ós  servizos que ofrecemos ós cidadáns”, declarou a Concelleira de Economía. 

Rielo avanzou, tamén, que “non só seguirán conxeladas as Ordenanzas Fiscais senón que tamén mantemos as bonificacións, por exemplo, para beneficiarios do Risga, para familias numerosas, para obras de rehabilitación, vehículos ecolóxicos, etc. ” 
 
A Concelleira de Economía explicou, ademais, que a política fiscal seguida polo Goberno local motivou que, na Conta Xeral do Concello de Lugo do ano 2013, reflíctese unha baixada do 1,4% da presión fiscal mentres medrou un 5% o gasto por habitante.
 
Rosana Rielo salientou que estes bos datos tamén os corrobora o Ministerio de Facenda, xa que a media de ingresos por impostos e taxas do Concello de Lugo é un 20% máis baixo que os municipios do noso tamaño, os gastos financieiros son inferiores nun 78% e, tamén, son máis baixos que a media os gastos en persoal. 
 
Pola contra, a media do gasto por habitante en bens, servizos e protección social, que son os máis importantes para os cidadáns, é superior á media, chegando ata superar un 73% o gasto medio en protección social. 
 
Baixa carga impositiva
 
A Concelleira de Economía detallou, ademais, que o 63% dos municipios españois sobiron os seus impostos directos desde 2008 e deu conta da boa posición que ocupa o Concello de Lugo no ranking tributario que compara as 52 capitais de provincia de España. Así, Lugo é a oitava capital de provincia de España co IBI máis barato e a décima co IAE máis barato. 
 
Concretamente, Lugo na comparativa das 52 capitais de provincia de España figura nas seguintes posicións:
  • Imposto de Bens Inmobles: posto 45, é dicir que é o oitavo máis barato de España e o segundo de Galicia
  • Imposto de Actividades Económicas: posto 43, o que significa o décimo imposto máis barato de España e o segundo de Galicia.
  • Imposto de Vehículos: posto 37, polo tanto, o decimosexto máis baixo de España e o terceiro de Galicia.
  • Imposto de Construccións, Instalacións e Obras, posto 46, o que representa o séptimo máis barato de España e o segundo de Galicia.