O Concello agradece a felicitación da Asociación Lugo Monumental

Jueves, 06 de junio de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

 A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, agradeceu hoxe á Asociación Lugo Monumental, que agrupa a veciños e comerciantes do Centro histórico, a felicitación oficial ó Concello pola convocatoria de axudas para que novas empresas se instalen no Casco histórico de Lugo.

“Quero agradecer publicamente este recoñecemento, que nos anima a continuar coa labor que se está a desenvolver desde o Plan Urban”, manifestou a Concelleira de Economía.
Lugo Monumental felicitou ó Concello pola convocatoria desta nova liña de axudas que teñen o doble obxectivo de contribuir a dinamizar o Centro histórico e de apoiaar a creación de postos de traballo.
As subvencións que concede o Concello a través deste programa, que financia xunto coa Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e a Deputación, cubrirán ata 40.000 euros de cada un dos proxectos que se presenten e poden solicitarse ata o 12 de xullo.
A dotación económica para esta liña de axudas é de 100.000 euros, cifra que se poderá ampliar segundo o número de solicitudes presentadas. 
Nos tres últimos anos estas achegas económicas facilitaron a creación de 15 novos negocios que crearon 21 postos de traballo no Casco histórico.
Estas axudas, que se conceden a fondo perdido e por un importe máximo do 50%, teñen o obxectivo de contribuir ó desenvolvemento do tecido económico do centro histórico e á creación de postos de traballo. No caso de medianas empresas cun límite por posto de traballo creado ou mantido a xornada completa cunha duración mínima dun ano de 6.000 euros por cada posto ocupado por homes e de 8.000 euros por cada posto ocupado por mulleres. 
Esta liñas de axudas diríxese a pemes que abran un centro de traballo na zona Urban ou ás empresas xa constituídas que fagan un investimento que supoña a creación de postos de traballo de duración mínima dun ano. 
As bases desta convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia do día 29 de maio e tamén se poden consultar na páxina web do Concello  www.lugo.es.