O Alcalde de Lugo entregou os premios aos gañadores do 10º concurso de tapas de Lugo

Martes, 07 de octubre de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco,  a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios Hostelerios de Lugo, Cheché Real, entregaron no salón de plenos do Concello os premios do 10º Concurso de Tapas de Lugo.

Nesta edición, que tivo unha maior participación que no ano pasado, inscribíronse un total de 50 locais  que entre o 12 e o 30 de setembro, serviron tapas elaboradas especialmente para o evento. Así, repartíronse un total de 38.426 tapas e xerouse un volume de negocio superior aos 192.100 euros, co que se melloraron notablemente as cifras da convocatoria de 2013.

López Orozco destacou que “seguiremos apoiando este tipo de eventos xa que ademais de promocionar a cidade contribúe a xerar negocio e emprego nos establecementos da cidade” e sinalou que “mira se esta actividade é boa que nos copian noutras cidades”.

De novo foi a clientela quen elixiu os gañadores e, de acordo co seu ditame, recibiron as placas conmemorativas Paprica, vencedor do concurso; o Restaurante España, como segundo clasificado; o restaurante Campos, como terceiro clasificado.

Ademais, segundo anunciou Cheché Real, entre os días 6 e 9 de novembro, un xurado técnico vai percorrer os 10 locais máis votados para o público para escoller a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e a mellor maridaxe con viño da Ribeira Sacra.

Os dez locais candidatos son Paprica, Restaurante España, Campos,  El Riba, Casa D´Auga, Verruga, Canela Bakery Coffee, Arrocería Os Cachivaches, As Tapiñas e Segrego e todos eles volverán ofrecerlle ao público as súas tapas durante os tres días nos que os visiten os membros do xurado. Aquelas persoas que as proben e o certifiquen cos cupóns de participación que se farán ex profeso tamén entrarán no sorteo de varios agasallos.

Igual que os hostaleiros, tamén os votantes do certame foron obsequiados, xa que entraron no sorteo dun cruceiro polo Meditérraneo para dúas persoas, unha fin de semana en Londres para dúas persoas, estancias en hoteis, casas de turismo rural e balnearios da provincia, ceas en restaurantes lucenses, e lotes de viño. Estes premios foron posibles grazas á contribución de varios establecementos hostaleiros e entidades colaboradoras coa Apehl na organización deste concurso, así como grazas ao Concello, patrocinador do evento.

Multimedia