O Foro de Igualdade do Concello de Lugo felicita aos movementos sociais femininos pola paralización da lei contra o aborto e a dimisión do Ministro de Xustiza

Martes, 07 de octubre de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, presidiu esta mañá a reunión do Foro de Igualdade e no que se acordou “felicitar a todos os movementos sociais encabezados por mulleres que permitiron a retirada do proxecto de modificación da lei do aborto e a dimisión do Ministro de Xustiza”.

Neste sentido, González Abelleira, tamén pediu que unha vez anulado o proxecto “deben retirar o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno do PP ante o Tribunal Constitucional contra a actual lei do aborto”.

A responsable da área de Benestar Social e Igualdade tamén explicou que “hoxe en día dende a política municipal é moi complicado chegar a temas de igualdade porque quitáronnos as competencias pero non por iso deixamos de traballar especialmente na loita contra a violencia de xénero.”

Na xuntanza tamén se deu conta dos traballos realizados dende a última sesión e que teñen que ver coa recomendación que se fixo a diferentes colectivos sobre a celebración de festexos nos que hai practicas sexistas e que se recomenda eliminar como poden ser os concursos de beleza. “Sabemos que en moitas ocasións faise publicidade sexista por descoñecemento a que dita actividade poidan levar a unha discriminación” matizou González Abelleira. Neste sentido adiantou que a finais do mes de outubro haberá varias conferencias para informar sobre a igualdade de xénero e a publicidade sexista.

Durante estes meses tamén se seguiu apoiando o deporte feminino dende a  Casa da Muller a través de subvencións nominativas a clubes deportivos de mulleres, ademais de colaborar cunha pilota de karting e con graffiteiras que participaron en diferentes eventos da cidade de Lugo.

Finalmente, tamén se solicitaron aportacións das diferentes entidades que forman o Foro de Igualdade para as actividades para a conmemoración do 25 de novembro que este ano coincide co décimo aniversario da aprobación da Lei contra a violencia de xénero.

Multimedia