O Concello de Lugo volve instar á Xunta a cumprir os compromisos que asumiu coa nosa cidade no Convenio de Paradai

Viernes, 03 de octubre de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, acompañado polo Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, e polos Presidentes das Asociacións de Veciños Gatos Roxos, Jaime Gueimonde, e Porta de Lugo, José Manuel Carballo, esixíronlle hoxe á Xunta de Galicia que dea cumprimento ós compromisos que asumiu coa nosa cidade coa firma do Convenio de Paradai e que retome os proxectos contemplados dos que desistiu unilateralmente, coa oposición do Concello de Lugo.

O Alcalde envioulle hoxe unha carta á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, na que lle reitera o acordo plenario que instou a Xunta a cumprir os compromisos adquiridos, unha decisión adoptada polo Concello de Lugo, co apoio do PSOE e o BNG e co voto en contra do Partido Popular liderado por Jaime Castiñeira.
A misiva lembra que “o pleno ordinario do 7-5-2012 aprobou instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a cumprir os compromisos adquiridos na última addenda do Convenio de Paradai”. Tamén sinala que “na actualidade únicamente se está a executar o vial que une Serra de Meira con Paradai de Abaixo, non existindo nin compromiso orzamentario nin acordo político por parte dese goberno que supoña rematar todas as obras que quedan pendentes”.
Conclúe a carta do Alcalde dicindo que “polos motivos expostos, e considerando de vital importancia para o desenvolvemento desta cidade este plan, reitéraselle o contido dese acordo plenario e se lle insta a que arbitre os recursos necesarios para o seu remate”.
O contido desta iniciativa deuse a coñecer nunha rolda de prensa na que se lembraron todas todas as xestións feitas polo Goberno local dende a sinatura do Convenio para executar as obras do Plan Paradai así como os esforzos que fixo o Concello para poder superar os numerosos atrancos que foi poñendo a Xunta de Galicia para o desenvolvemento das obras.
Tamén se recordou que o 26 de xuño de 2012 a Consellería decidiu unilateralmente e pese á disconformidade expresada polo Concello darlle prioridade excusivamente ó vial Serra de Meira-Duquesa de Lugo e desistir do resto das obras previstas inicialmente. 
O Alcalde declarou que “estamos dispostos a seguir facendo todo o posible para a execución das obras, pero non a recibir culpas que non temos, xa está ben de que sexamos a albarda que leva todos os golpes e ademais os recibe en silencio”.
Pola súa parte, o Concelleiro de Urbanismo destacou que “é un insulto culpar ó Concello dos atrancos ó Plan Paradai” e salientou que “se houbo alguén que traballaxou para superar todos os obstáculos foi este Goberno, non o BNG nin o Partido Popular”. 
Os líderes veciñais coincidiron na necesidade de que se execute na súa totalidade o Plan Paradai, tal como se preveía no Convenio asinado en 1999, xa que é fundamental para o desenvolvemento da nosa cidade. 
Jaime Geimonde fixo fincapé en que “nosoutros estamos en disposición de esixirlle á Xunta de Galicia a execución dos proxectos que faltan” e lembrou que “hai uns Presupostos que están próximos a sair e agora veñen ahí unhas eleccións e cada un verá o que ten que facer”.
A súa vez, José Manuel Carballo manifestou que “queremos agradecer ó Goberno municipal que enviara un escrito á Conselleira de Medio Ambiente reclamando a continuidade do Plan Paradai” 
“Entendemos que non hai motivo para retrasalo, porque cartos hai para o que queren pero temos dous problemas: Alberto Núñez Feijóo e Agustín Hernández”, destacou Carballo que recordou os problemas que lle pon a Xunta de Galicia a todos os  investimentos en Lugo e remachou explicando que o vemos “por exemplo no Cuartel de San Fernando ou co HULA”.
O dirixente veciñal declarou que “esta xente estalle a poñer trabas a Lugo porque só hai diñeiro para o que queren”.

Multimedia