Lugo terá este verán dúas brigadas para a defensa contra os incendios forestais

Miércoles, 21 de mayo de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

 A Xunta de Goberno nomea o Comité de expertos que avaliará as ofertas técnicas das empresas que optaron ó contrato da ORA

O Concello de Lugo contará este verán con dúas brigadas para a defensa contra incendios forestais, segundo anunciou hoxe o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez.
A Xunta de Goberno Local deu hoxe o primeiro paso para a contratación do persoal que formará as dúas brigadas que traballarán este verán na prevención e loita contra os incendios.
O Goberno local aprobou as bases dos procesos selectivos para a contratación temporal de dous xefes de brigada e, tamén, de dez peóns condutores que se ocuparán, durante a temporada estival, de realizar traballos de vixilancia e extinción de incendios forestais e de prevención dos lumes mediante actuacións de roza. 
Nos dous casos, as bases establecen que a duración do contrato será de tres meses, de xullo a setembro. O sistema de selección consistirá en dúas fases: un exame teórico, que terá carácter eliminatorio, e un baremo de méritos. 
As persoas que desexen tomar parte neste proceso deberán presentar as instancias no Rexistro Xeral do Concello no prazo de dez días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da provincia. 
O total do gasto estimado para a contratación do persoal que formará as dúas brigadas, incluíndo custes salariais e Seguridade Social, é de 74.972 euros. 
O Concello ten intención de acollerse ó convenio coa Xunta para a creación das brigadas.
Comité de expertos da ORA
O Goberno local tamén designou hoxe un Comité de expertos, formado por tres persoas especialistas na materia e alleas ó órgano de contratación, para dar cumprimento á sentenza da ORA atendendo ós criterios que estableceu nun auto o Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Lugo.
Nese pronunciamento, que foi ditado nun incidente de execución da sentenza plantexado pola empresa Doal, o Xulgado restrinxe a nulidade do procedemento ó momento de nomear o comité de expertos, sen que a mesma afecte, como vicio esencial do procedemento, ó momento anterior de presentación de ofertas.
Este Comité deberá valorar as ofertas técnicas presentadas no seu día polas empresas participantes no procedemento de contratación (Estacionamientos y Servicios S.A., Grupo Europeo de Servicios Doal S.A., Dornier e SETEX APARKI S.A.), en cumprimento do auto ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 no incidente de execución da  sentenza. 
A resolución adoptada pola Xunta de Goberno Local seralle notificada agora ás partes interesadas e ó Xulgado número 2 do Contencioso Administrativo de Lugo.
Luis Álvarez destacou que “non hai, en contra do que veu manifestando reiteradamente o Partido Popular, ninguna dilación artificial neste procedemento nin no nomeamento deste Comité de expertos”.
San Froilán 2014: casetas e caldeiros
A Xunta de Goberno acordou incoar expedente de resolución da autorización por falta de pagamento en prazo das taxas correspondentes da caseta e caldeiro 2, caseta 3, caldeiro 3 e caseta e caldeiro 5.
Ábrese un prazo de 10 días hábiles a partir da recepción da notificación para alegacións. Á vista das mesmas, decidirase, se é o caso, iniciar un novo procedemento de licitación para as festas de San Froilán 2014. 
Plan Paradai
O Goberno local acordou, tamén, dar conformidade ó informe emitido polo Xefe de Urbanismo segundo o cal debe ser tramitada como un convenio de execución de planeamento a addenda número 3 ó Convenio coa Xunta para a execución do Plan Paradai que modifica as cláusulas primeira (obxecto), terceira (relativa ós compromisos da Xunta de Galicia) e sétima (relativa á vixencia do convenio), quedando así: 
Cláusula 1ª. Obxecto.
O obxecto do presente convenio é establecer as bases da colaboración técnica e económica da actuación Ponte Paradai-rúa Serra de Meira Fase 1ª: Glorieta Ponte Paradai-Glorieta Serra de Meira.
Claúsula 3ª. Compromisos da Xunta de Galicia
2.- Financiar as obras segundo o proxecto, destinando para iso ata un máximo de 3.557.670 euros, distribuídos da seguinte forma: 
Anualidade    Importe
2012              12.934,79 euros
2013              342.832,21 euros
2014              2.453.881,84 euros
2015              748.021.16 euros
TOTAL           3.557.670 euros
Cláusula 7ª. Vixencia do convenio
A vixencia do convenio estenderase ata o 31 de decembro de 2015
Outros acordos
O Goberno local decidiu modificar a redacción da cláusula oitava do Decreto sobre Organización Municipal para unha maior precisión e en aras de clarificar o réxime de delegación de competencias, para deixar claro que o cambio de delegacións proposto respecto do recoñecemento e liquidación de obrigas así como a ordenación de pagos refírese exclusivamente ás facturas. Trátase así de axilizar os trámites para un mellor cumprimento da Lei 3/2004, de 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. 
A nova redacción queda desta maneira: “Corresponderalle á Tenenta de Alcalde Delegada da Área de Economía, Enmprendemento, Autónomos e Educación o recoñecemento e liquidación da obriga así como a ordenación de pagos de todas as facturas tramitadas, tanto se a súa autorización e disposición lle correspondera a outra Área ou Concellería como á Xunta de Goberno Local”.
Na área de Persoal acordouse poñer fin ó procedemento iniciado a un funcionario pola imposibilidade material de continualo por unha causa sobrevida e tamén se aprobou o sobreseemento e arquivo das actuacións practicadas no expedente disciplinario aberto a outro funcionario, dacordo coa proposta feita polo instrutor do mesmo. Asimesmo foron aprobadas as bases que rexerán o concurso para a provisión dos seguintes postos de traballo: 3 postos de Técnico/a en Xardín de Infancia na Escola Infantil Municipal “Serra de Outes” e 4 postos de Técnico/a en Xardín de Infancia Escola Infantil Municipal “Gregorio Sanz”.  É obxecto deste concurso a provisión dos postos de traballo relacionados entre empregados/as do Concello de Lugo coa categoría de Técnico/a en Xardín de Infancia, con praza en propiedade. O prazo de presentación de instancias é de 20 días naturais dende a publicación no BOP.

Multimedia