Sonia Méndez reúnese cos emprendedores instalados no CEI-Nodus para informalos das axudas que destina o Concello a fomentar o emprego e a creación de empresas

Viernes, 16 de mayo de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, reuniuse hoxe cos emprendedores establecidos no viveiro de empresas municipal. O viveiro de empresas do CEI-Nodus dá acubillo na actualidade a unha trintena de emprendedores ós que Sonia Méndez informou das distintas iniciativas do Concello para fomento do emprego e a creación de iniciativas empresariais.

Méndez manifestou ós medios de comunicación que “todas estas iniciativas se están a levar a cabo polo Concello con moito esforzo, porque son máis necesarias que nunca nesta época de crise e a pesar de todas as dificultades que se nos plantexan”.

Méndez informou ós emprendedores das axudas que ofrece o Concello, a través do Plan Urban, para negocios do Casco histórico e tamén lles explicou a dificultade que está a ter o Goberno local para convocar as liñas de axudas destinadas ó resto da cidade.

A Concelleira de Economía salientou que “este Equipo de Goberno mantén a súa intención de seguir apoiando ós autónomos, ó pequeno comercio e ós autónomos a pesar de todas as dificultades” e lamentou que a Xunta manteña bloqueada a partida de 450.000 euros dos que dispón o Concello para axudar a emprendedores con negocios situados fóra da zona Urban. A nova Lei de Administracións locais obriga ós concellos a dispor de autorización da Xunta para desenvolver iniciativas como ésta e o Goberno galego segue atrasando o investimento de recursos municipais en axudas a emprendedores porque sen responder á petición que lle fixo o Concello de Lugo para poder convocar esta liña de subvencións ó emprendemento.

Sonia Méndez tamén anunciou unha nova iniciativa que se porá en marcha no CEI-Nodus, onde se levará a cabo todos os meses unha sesión de asesoramento tanto para emprendedores iniciais como sobre as axudas que poidan interesar a empresas xa constituídas. Estas sesións de asesoramento desenvolveranse todos os primeiros luns de cada mes.

Multimedia