O Concello de Lugo acabou o ano 2012 con máis de 13,5 millóns de euros de superávit

Lunes, 25 de marzo de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo acabou o exercicio de 2012 con máis de 13,5 millóns de euros de superávit e dispón dun remanente de tesourería de 21,5 millóns, segundo informou o Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez.

Álvarez destacou que o Concello de Lugo cumpriu así o Plan de estabilidade e non ten que facer ningún axuste xa que, de novo, acabou o ano con saldo favorable, nun momento no que moitas administracións teñen dificultades económicas.

“As cifras veñen demostrar como se xestionan os cartos nesta administración e tamén son proba de que fixemos un presuposto ben deseñado, axustado á realidade de ingresos e gastos do Concello e desminten as acusacións de que estaba inflado”, manifestou Luis Álvarez.

O resultado orzamentario de 2012 foi de 13.508.525 euros de superávit. Este saldo positivo é o resultado duns dereitos recoñecidos que ascenderon a 84.997.000 euros e unhas obrigas por importe de 78.105.000 euros.

Luis Álvarez tamén salientou que o superávit nas contas municipais de 2012 supón que o Concello dispoña dun remanente de tesourería por importe de 21.580.000 euros.

A liquidación orzamentaria de 2012 foi presentada na Comisión especial de Contas do Concello como paso previo á súa aprobación na sesión plenaria que vai celebrar o vindeiro luns a Corporación municipal.