O Concello incautase de 55.000 euros da garantía depositada pola empresa que construiu a sede da Policía Local polos retrasos nas obras

Miércoles, 23 de julio de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou que a Xunta de Goberno Local acordou, na xuntanza celebrada este mércores, a incoación dun expedente para incautarse da garantía definitiva pola demora nas obras da nova sede da Policía Local e Protección Civil, por un importe total de 55.392,03 euros.

En cumprimento da recente sentenza ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que respaldou a legalidade do acordo tomado pola Xunta de Goberno Local o 26 de xullo de 2012, aprobouse a incoación do expedente para responder das penalidades -a razón de 636,69 euros diarios- polo incumprimento do prazo total de execución ofertado pola empresa Construcciones en Piedra Sigrás S.L., adxudicataria da construción do Edificio Dotacional destinado a Policía Local e Protección Civil.

Outros acordos

Tamén informou Luis Álvarez de que o Goberno local acordou denegar dúas licenzas para a construción doutros tantos edificios.

No primeiro caso a licenza fora pedida para a construción dun edificio en solo clasificado como urbano na praza de San Ourenzo. A licenza foi denegada por non dipoñer os terreos da condición de solar, o que non os fai aptos para a edificación, non sendo posible completar a urbanización necesaria para que acaden tal condición, nin ceder gratuítamente ó Concello os terreos destinados a viais, espazos libres e zonas públicas.

E tamén foi denegada a licenza solicitada para construir un edificio na Calzada da Ponte. Neste caso, o motivo é non ter ordenado previamente os volumes edificables mediante a aprobación dun Estudo de Detalle, consecuencia da superposición de fondos edificables, polo que se incumpre o preceptuado no PXOU.

Por outro lado, a Xunta de Goberno aprobou a declaración de caducidade dunha licenza de obras na rúa Río Eo por causa de demora na finalización da obra, ó ter transcorrido sobradamente o prazo de 30 meses para a terminación así como a prórroga deste por outros 30 meses.  Esta decisión tómase logo da denuncia presentada por unha comunidade de veciños polo perigo que podía supor unha grúa instalada no lugar.

Multimedia