As obras de mellora do saneamento na marxe dereita do Miño obrigarán a facer cortes de tráfico a partir da semana que vén na estrada vella de Santiago

Miércoles, 09 de julio de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local reivindica o dereito dos veciños a recibir o servizo contratado con Urbaser e insta á empresa e ós traballadores a acabar, dunha vez, coa folga na recollida do lixo

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou hoxe que as obras de mellora do saneamento na marxe dereita do río Miño obrigarán a realizar cortes de tráfico na estrada vella de Santiago nas próximas semanas.

Luis Álvarez explicou que as obras correspondentes á segunda fase dos colectores xerais do río Miño, que teñen un orzamento de 9 millóns de euros, obrigarán a realizar cortes de tráfico na estrada vella de Santiago a partir da semana que vén para poder instalar un dos colectores, de 24 metros de lonxitude e 6 metros de ancho, que discurre por debaixo da estrada.

“É un mal necesario, que non se pode evitar”, declarou o Voceiro do Goberno local. Os detalles concretos de cómo se levarán a cabo os devanditos cortes na circulación comunicaranse nos próximos días, unha vez rematado o plan de tráfico que se está ultimando.

Luis Álvarez destacou que “o Goberno lamenta os trastornos para os cidadáns que causarán estes cambios na ordenación do tráfico, pero é inevitable facer estes cortes para poder realizar a obra” e explicou que “eleximos o verán porque é o mellor momento para levalo a cabo, porque nesta época é cando causa menos transportos xa que durante o inverno afectaría, por exemplo, ós autobuses do transporte escolar ó colexio da Ponte”.

Esta actuación, correspondente á segunda fase do proxecto denominado Colectores xerais do río Miño en Lugo. Treito N-VI foi contratada pola empresa pública Aguas de las Cuencas de España S.A. (Acuaes) e conta co 80% de financiamento da Unión Europea, a través dos fondos FEDER.

Coa execución deste proxecto vanse resolver as carencias existentes no actual sistema de saneamento que discorre pola marxe dereita do río Miño ó seu paso por Lugo e que recolle as augas residuais xeneradas polas novas zonas de crecemento da cidade na mencionada marxe.

O proxecto comprende a execución das obras necesarias para a conexión da conca da Louzaneta co sistema xeral de saneamento da cidade de Lugo, dispoñendo das infraestruturas precisas para elo e subsanando as carencias detectadas na rede existente.

Na segunda fase deste proxecto está previsto acometer as seguintes actuacións:

-Colector secundario da Louzaneta: cunha lonxitude de 4 km, recibirá a maior parte das augas residuais xeneradas na conca da Louzaneta.
-Colector secundario de Casas Novas: cunha lonxitude de 501 metros, recibirá parte das augas residuais da Louzaneta de Casas Novas e arredores.
-Aliviadeiro da Louzaneta e sifón bombeo. Nel conflúen os dous colectores da Louzaneta e de Casas Novas
-Colector do colexio A Ponte. A súa renovación conectará co bombeo-aliviadeiro xa existente da Ponte Romana.

Con estas actuacións resolveranse os problemas de verquidos directos ós ríos Miño e Lavadoiro, conquerirase unha xestión adecuada dos caudais de chuvia xenerados durante episodios de forte precipitación e que, na actualidade, acaban producindo verquidos directos e limitarase o número de verquidos anuais ó río Miño, procedentes das descargas dos sistemas de saneamento unitarios.

Folga na recollida do lixo

Luis Álvarez tamén reiterou hoxe o chamamento do Concello á concesionaria Urbaser e ós seus traballadores para que negocien, dunha vez, unha saída ó conflito laboral e que lle dean á cidade de Lugo os servizos polos que pagamos.

“Quero dicirlle ós cidadáns de Lugo que o Goberno local non está en folga, nin descansando nin desatendendo a situación que está a provocar na cidade a folga de recollida de lixo”, remarcou o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente antes de indicar que “estamos traballando permanentemente para que ese impacto se reduza ó mínimo posible tendo en conta unha situación na que se produce un manifesto incumprimento dos servizos mínimos por parte da empresa”.

“No nome da cidade de Lugo esíxolles que acaben, dunha vez, coa negociación e que nos dean ós cidadáns de Lugo os servizos polos que pagamos, porque deste contrato hai dous beneficiados, empresa e traballadores, e somos un colectivo inmenso os perxudicados polo conflito”, manifestou Luis Álvarez.

Por outra parte, o Voceiro do Goberno local replicoulle ás declaracións que vén facendo nos últimos días Jaime Castiñeira do que dixo que “ten demostrado abondo a súa valía para o único que vale, que é para estar na oposición, por algo será que nunca o PP lle deu ningunha responsabilidade de Goberno en todos estes anos”.

“Xamais tivo responsabilidade de Goberno algunha e o que demostra coas súas declaracións é que o mellor é que non as teña nunca”, comentou Álvarez quen lembrou que Castiñeira pide, agora, que non se pague o recibo cando “a semana pasada o seu grupo presentou unha proposta, que logrou o apoio unámine do Pleno, para reducir o recibo do lixo e agora pide que non se pague”.

Á vista deste cambio de criterio, Luis Álvarez conclúe que Castiñeira “non sabe nin o que propón” e tamén desctaou que o Voceiro do PP “sabe que non se pode facer máis do que está a facer o Goberno municipal, agás saltando a lei e se ése é o seu modelo, debería dicirllo ós cidadáns”.