O Concello de Lugo establece novas cláusulas sociais para protexer os dereitos dos traballadores

Miércoles, 09 de julio de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Goberno local introduce requisitos para garantir as condicións salariais dos traballadores na convocatoria dos contratos de seguridade do Parque da Milagrosa e do Fogar do Transeúnte

O Concello poderá rescindir o contrato as empresas de seguridade se non pagan as nóminas ou modifican unilateralmente os salarios do persoal que preste estes servizos

O Concello de Lugo establece novas cláusulas sociais para protexer os dereitos dos traballadores e garantir a súa estabilidade laboral e salarial.

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, informou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que compareceu xunto co Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez de que “o Goberno local tomou hoxe unha decisión que convirte ó Concello de Lugo en pioneiro na aplicación das chamadas cláusulas sociais”.

“Este acordo vai tapar moitas bocas pero, o que máis nos importa non é iso senón que a súa importancia estriba na repercusión que vai ter para un colectivo enteiro de traballadores”, explicou Méndez antes de detallar que a Xunta de Goberno Local aprobou na xuntanza deste mércores a licitación dos contratos de vixilancia no Fogar do Transeúnte e o Parque da Milagrosa nos que se impoñen cláusulas sociais nas que é pioneiro o Concello de Lugo, que avanza na aplicación deste tipo de medidas que comezou a poñer en marcha en 2008.

Entre estas novidosas medidas figuran a obriga de que a oferta económica das empresas sexa suficiente para cubrir os custes salariais dos traballadores e a posibilidade de resolver o contrato ou impoñer penalidades se a empresa non paga as nóminas ou cotizacións ós traballadores ou se modifica unilateralmente as súas condicións laborais.

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, destacou que "fronte as palabras vacías nós actuamos e demostramos, con feitos, o compromiso que mantén este Goberno coa preservación dos dereitos dos traballadores".

Tamén salientou que “o Concello de Lugo, igual que a Deputación provincial, son a proba de que non é necesario vivir detrás dunha pancarta para poñer negro sobre branco as diferencias radicais que existen entre os Gobernos do PSOE e do Partido Popular”.

Méndez sinalou que na convocatoria dos contratos de vixilancia para o Fogar do Transeúnte e o Parque da Milagrosa o Concello de Lugo dá un paso decisivo na inclusión de cláusulas sociais, que, entre outras, introducen as seguintes novidades:

1.- A oferta económica é criterio determinante na avaliación das ofertas, pero terá que ser suficiente para cubrir os custos salariais dos traballadores, segundo a lexislación laboral. Non se admitirán baixas que non os cubran, terán a consideración de anormais ou temerarias.

2.- Ademáis do prezo, valorarase a calidade no emprego nos seguintes aspectos:

-condicións laborais e salariais que melloren o Estatuto dos Traballadores ou o Convenio Colectivo Estatal de empresas de seguridade
-plan de formación dos traballadores que presten o servizo

3.- Imposición de novas obrigas ó contratista que permiten ó Concello resolver o contrato ou á imposición de penalidades se a empresa :

- non paga as nóminas ou cotización ós traballadores
- modifica unilateralmente as condicións salariais dos traballadores

4.- O Concello pon obstáculos ó empeoramento das condicións laborais provocada pola reforma do PP porque queremos ser motor da mellora das condicións laborais no sector e para elo:

-o Concello reducirá o prezo que paga polo contrato se se aproba un novo convenio sectorial que diminúa os custos salariais
-pola contra, asumirá a suba de salarios que supoña un novo convenio máis favorable para os traballadores (coas seguintes cautelas: o convenio ten que ser, como mínimo de ámbito provincial para que a suba salarial se amplíe a todo o sector, non só ós contratos que pagan as administracións, a modificación autorizase por unha sola vez e cun límite do 5% do prezo anual do contrato).

Con estas dúas medidas impídese que as empresas contratistas se neguen a negociar incrementos salariais poñendo como escusa que lles ocasionaría perdas ter prezos fixos acordados pola administración.

Dende 2008

O Concello de Lugo vén incorporando dende o ano 2008 cáusulas sociais nos pregos de contratación, como poden ser:

-valorar na adxudicación a formación que a empresa ofreza ós traballadores.
-en determinados contratos, como os do Plan de emprego ou o Plan Urban, obrigar a adscribir un número mínimo de traballadores e puntuar os que contraten a maiores procedentes do desemprego ou de programas de formación do Concello.
-obrigar ás empresas que xestionen cafeterías municipais ou máquinas expendedoras a proporcionar produtos de comercio xusto e ecolóxicos.
-reservar determinados contratos a centros especiais de emprego, nos que traballen persoas con discapacidade
-obrigas legais de estar ó corrente coa seguridade social, número de discapacitados, plans de igualdade, etc.

Novos contratos de vixilancia

A Xunta de Goberno aprobou a contratación mediante lotes dos servizos de vixilancia no Fogar do Transeúnte e no Parque da Milagrosa, que se convocan polo procedemento aberto e para unha duración de dous anos, prorrogables por outros dous.

O importe do contrato para a primeira anualidade é de 114.847 euros, IVE incluído, no caso do Lote 1 (servizo de vixilancia no Fogar do Transeúnte) e de 182.209 euros, IVE incluído, para o Lote 2 (servizo de vixilancia no Parque da Milagrosa).

Multimedia