A Concelleira de Servizos Sociais participou na inauguración da mostra Nai África, organizada pola Deputación que trae a Lugo en primicia un percorrido pola tradición artística africana

Jueves, 13 de septiembre de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Poderá visitarse gratis ata o 28 de decembro, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas; e domingos, de 11:00 a 14:00 horas

A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, acompañou á Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, na inauguración este mércores da exposición Nai África-A orixe, que organiza a Deputación e pode visitarse na Capela de Santa María.

A mostra fai un percorrido, en primicia en Lugo, pola tradición artística do continente e na súa inauguración participaron tamén o comisario, Salvador Corroto, e a directora de Galería Atlántica Centro de Arte, Carmen Tudela Guerrero.

A exposición consta de dúas fases. Esta primeira, que ofrece ós visitantes unha visión xeral sobre a variada tradición do continente africano, está formada por un total de 78 pezas, coas que se profundiza sobre a creación artística e riqueza etnográfica de África, berce da humanidade.

A exposición ten un marcado carácter didáctico, xa que os asistentes poderán recibir numerosas explicacións sobre aspectos coma a localización xeográfica, a fabricación e o uso dos obxectos presentados, e terá a súa continuación no mes de novembro, cando este espazo pasará a ser ocupado por un amplo catálogo de artigos de ourivería e xoiería, polo que será unha ocasión única para coñecer pezas que dende diferentes técnicas abordan a actividade creativa africana, e de como esta ten influído decisivamente na cultura occidental. “Para aprender a valorar o noso, temos que aprender a valorar o que, aínda que nos pareza alleo, tamén ten moito da nosa historia”, asegurou Regina Polín.

Dende figuras mitolóxicas a cubertos de mesa

Esta primeira parte da exposición Nai África-A orixe está formada por 78 pezas de diferentes orixes e significados. Hai elementos atopados en escavacións tales coma cabezas, figuras de xinetes ou personaxes da mitoloxía dalgunhas tribus; antigas moedas, obxectos propios da vida cotiá, coma pequenos tallos ou cubertos de mesa; outros propios dos ritos de iniciación ou figuras de culto. Teñen oco tamén máscaras simbólicas empregadas en bailes, obxectos elaborados coa intención de formar parte de axuares cortesanos, así como para as sonadas figuras africanas que simbolizan a maternidade.

Cando pode visitarse

A Capela de Santa María terá aberta esta mostra ata o vindeiro 28 de decembro nos seus horarios habituais: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas; e domingos, de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

Multimedia