O plano do PXOM que, segundo a prensa, reclama a Xunta é dun núcleo que ten o planeamento urbanístico aprobado definitivamente e xa entrou en vigor

Viernes, 08 de febrero de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello non recibiu aínda ningunha comunicación da Xunta pero o Secretario viaxou hoxe a Santiago para asinar e selar a folla que non fora debidamente dilixenciada

O Concello de Lugo non recibiu aínda ningún escrito nin notificación oficial da Xunta de Galicia sobre a documentación do 5% do PXOM pendente de aprobación definitiva, escrito do informou onte o Goberno galego ós medios de comunicación.

En todo caso, á vista das noticias que publican os medios informativos, o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, explicou que o plano que bota en falta a Xunta, segundo a prensa, xa ten a aprobación definitiva e está en vigor, xa que este documento forma parte do 95% do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado no seu día e que, polo tanto, non forma parte do planeamento que está pendente da revisión do Goberno galego para obter a aprobación definitiva.

Luis Álvarez tamén explicou, para que a Xunta non poida ter argumentar máis escusas, o Secretario Xeral do Concello trasladouse expresamente a Santiago esta mesma mañá, aproveitando unha viaxe que tiña previsto facer o Alcalde para estampar a súa sinatura e o selo nas follas pendentes de dilixenciar. Luis Álvarez explicou que das 5.000 follas que compoñen o total da documentación presentada polo Concello só unha carecía de firma e selo.

O Concelleiro de Urbanismo manifestou que o comportamento da Xunta neste asunto é proba de que o Goberno galego non mantén a actitude colaboradora co Concello de Lugo da que alardea. “Queda demostrado que a suposta colaboración da Xunta non son máis que palabras”, sinalou Luis Álvarez.

Tamén explicou que, se faltaba algunha sinatura nalgunha das 5.000 follas, o normal tería sido chamar ó Concello para avisar de que había que subsanar ese erro. Neste sentido, destacou que “todos cometemos erros, mesmo a Xunta de Galicia que recentemente lle comunicou ó Concello de Lugo a denegación dunha subvención que pedimos cun texto no que se refería a outro Concello e a outro Alcalde e nós non fixemos casus belli diso”.

www.lugo.es/ws/pxom