O domingo 6 de abril celebrarase no Centro Comercial As Termas a sexta proba puntuable do Circuíto Corre con Nós

Viernes, 04 de abril de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Deportes, que dirixe José Manuel Díaz Grandío, informa que o próximo domingo 6 de abril, no Centro Comercial Ás Termas, terá lugar a sexta proba puntuable do Circuíto Corre con Nós. Nesta carreira está prevista a participación duns 1.400 atletas. O percorrido de 5.150 metros combina asfalto e terra e non presenta ningunha modificación respecto a edicións anteriores.

A carreira para adultos dará comezo ás 12:45 horas dende o aparcadoiro superior do propio centro comercial, lugar de saída e chegada de todas as probas. Previamente, a partir das 12 horas, celebraranse as carreiras para os máis pequenos, con diferentes distancias e horarios, segundo a idade. A xornada empezará coas carreiras dos nenos nacidos entre 2008 e 2009, cunha distancia de 300 metros e continuará cos de idades comprendidas entre os 7 e os 9 anos, con 571 metros. Ás 12:20, será a saída para os pequenos de entre 10 e 12 anos, cunha proba de 1.752 metros e por último, os de idades entre 13 e 15 anos, cunha carreira de 2.670 metros.

Na edición anterior alzáronse co triunfo Juan Pena, que cruzou o arco de meta cun tempo de 18:19 e Carmen Vagace, actual líder do Circuíto, que o fixo en 22:33. Vagace intentará revalidar o triunfo nesta proba, tan atractiva como alcanzable, que permitirá aos máis de 1.000 participantes bater as súas marcas persoais.

O circuíto Corre con Nós está formado por un total de sete carreiras puntuables para adultos, con distancias comprendidas entre os 5.000 e os 6.000 metros, e oito probas puntuables para menores. Este ano inscribíronse preto de 3.200 atletas, polo que a organización espera superar os 10.000 participantes da edición anterior.

Multimedia