As obras de mellora do abastecemento de auga obrigan a cortar o subministro ós polígonos do Ceao e As Gándaras este domingo

Jueves, 03 de abril de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, que dirixe Luis Álvarez, comunica que o vindeiro domingo producirase un corte no subministro de auga ós polígonos do Ceao e As Gándaras.

A causa desta interrupción no subministro son as obras complementarias do abastecemento de auga a Lugo (segunda fase), proxecto que está a executar a empresa Hordescon, S.L., para Acuaes e o Concello de Lugo.

Dentro desta actuación, vaise instalar un caudalímetro na saída do depósito do Ceao e unha válvula de control do enchido na entrada do mesmo, polo que é necesario cortar o subministro dende o depósito do Ceao ós polígonos do Ceao e As Gándaras.

A duración máxima estimada do corte é de 12 horas, dende as 9.00 ata as 21.00 horas, aínda que se espera poder restablecer o subministro en menos tempo.

Por outra parte, o vindeiro luns comezarán as operacións regulamentarias de limpeza do depósito de 15.000 metros cúbicos de auga da Piringalla.

Para preparar esta limpeza, estase realizando un vaciado progresivo do depósito, pero non se verá afectada a presión da auga ó terse instalado un by-pass que evita este problema. Como moito, durante unha hora na tarde de hoxe podería producirse unha pequena baixada de presión na Piringalla, mentres se conecta o by-pass instalado.