As axudas do Concello de Lugo para proxectos de cooperación permite que preto de 300 nenos e nenas poidan ir á escola en Guinea Bissau

Lunes, 10 de marzo de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O próximo sábado 15 ás 18 horas, Miradas al Mundo, realizará un encontro no Centro Social de Fingoi para presentar todo o traballo que realizan

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, presentou xunto con Maria Martínez Rodriguez, e Djerga Dua Samati, da organización Miradas al Mundo, presentaron o proxecto que desenvolveron en Guinea Bissau grazas ás subvencións que convoca o Concello de Lugo en materia de cooperación ao desenvolvemento no 2013.

“Presentamos o resultado dunha desas subvencións que se conceden a organismos para a cooperación e o desenvolvemento en países non desenvolvidos e que permite que moitos nenos e nenas ademais de ir á escola poidan tamén facer unha comida ao día” segundo explicou González Abelleira.  A Concelleira de Benestar Social tamén resaltou que “somos o único Concello de Galicia que aínda mantemos estas axudas de cooperación porque somos conscientes das necesidades de aquí pero eso non pode facer que nos esquezamos dos que aínda están en peores condicións”.

O proxecto denominado educación primaria para Dembanje e aldeas próximas realizouse ao longo do 2013 e permitiu a construción dunha escola con tres aulas que atende a preto de 300 nenos e nenas en dous turnos diferentes das comunidades de Dembanje, Sara Ura, Sara Patae, Sinjamonde, Sinjansuban e Sara Jeno. Neste país existe unhas cifras moi altas de absentismo escolar debido á extrema pobreza e que os menores, especialmente as nenas, teñen que ir a traballar ao campo ou quedar coidando dos irmáns menores.

María Martinez explicou que un dos obxetivos é mellorar a calidade de formación do alumnado para poder ter profesionais cualificados nun futuro e que sexan eles os que colaboren para a recuperación dun dos países máis empobrecidos de África. Ademais, tamén ofrecen unha comida ao día, as veces a única para algúns dos nenos e nenas, e becan aos alumnos e alumnas con mellores resultados para que poidan continuar cos seus estudos na cidade.

Miradas al Mundo leva traballando en Guinea Bissau dende o ano 2007 e durante este tempo levaron a cabo diferentes proxectos de cooperación que tiñan como obxectivo a creción de pozos de auga potable, garderías infantiles, e escolas.

O Concello de Lugo leva anos e ten a intención de continuar como actor do sistema de cooperación ao desenvolvemento comprometendo unha porcentaxe do seu orzamento, no 2013 90.000 euros, para subvencionar actuacións en países en vías de desenvolvemento co propósito de promover o progreso económico e social dos países do Sur de modo que a súa relación cos do Norte sexa máis equilibrada e sostible. A situación actual de crise pode abrir outra vía económica con principios solidarios, cooperativos e comprometidos con medio ambiente distintos dos da economía capitalista baseada na destrucción de recursos naturais.

Encontro con Miradas al Mundo
O próximo sábado 15 de marzo no Centro de Convivencia de Fingoi celebrarase a partir das 18 horas un encontro con membros da organización Miradas al Mundo que mostrarán o traballo que realizan en diferentes zonas de Guinea Bissau. Ademais de poñer un video da situación da súa labor, tamén contarán con Djerga Dua Samati, que explicará a situación real deste país esquecido de África.

Multimedia