Concello e Xunta colaboran nunha exposición sobre cooperativas que se mostrará a semana que vén no CEI-Nodus

Viernes, 15 de febrero de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos e a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, colaboran na organización dunha exposición que se instalará a semana que vén para difundir en Lugo as posibilidades do cooperativismo para a xeración de riqueza e emprego.

A exposición “Descubre as cooperativas” instalarase no Centro de Empresas e Innovación e estará aberta ó público dende o luns, día 18, ata o venres, 22 de febreiro e poderase visitar en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, agás o venres, data na que só haberá horario de mañá.

A exposición, de carácter interactivo, está dirixida a todo o público, aínda que se orienta especialmente a persoas desempregadas, emprendedoras, titulares de pequenos negocios ou explotacións, así como a persoas que están a recibir actualmente unha formación profesional e están próximas a incorporarse ó mercado de traballo.

Tamén está prevista a posibilidade de concertar visitas guiadas para grupos chamando ó teléfono 982 297 468. De feito, xa están concertadas visitas de alumnos de dous institutos o IES Xoán Montes e o IES Politécnico, que ademais de recorrer a mostra asistirán a unha charla dun técnico do CEI especialista en Cooperativas.

CEI-Nodus cei.lugo.es