O Goberno municipal de Lugo renunciará á paga extra de Nadal pero compensará aos traballadores e traballadoras

Miércoles, 22 de agosto de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aproba unha declaración de pésame polo pasamento de Avelino Pousa Antelo, moi vencellado á cidade de Lugo, onde deu clases e puxo en marcha a escola agraria da Granxa Barreiros de Sarria

Os concelleiros do Goberno municipal de Lugo, formado polo BNG e o PSOE, así como os asesores do gabinete e o persoal dos dous grupos políticos renunciarán á paga extra de Nadal “en solidariedade cos traballadores e traballadoras afectados polo Decreto 20/2012” aprobado polo Goberno de Rajoy e que deixará sen paga extra de Nadal aos empregados de todas as administracións públicas.

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, e o voceiro do Grupo Socialista, Luis Álvarez, fixeron pública esta mañá esta decisión na rolda de prensa posterior á habitual Xunta de Goberno Local dos mércores. Anunciaron que eses cartos, uns 63.000 euros, irán destinados a servizos sociais, para reforzar a cobertura de necesidades básicas a aquelas persoas e familias que están a sufrir os efectos da crise económica. Os dous membros do Goberno municipal invitaron ao Partido Popular a sumarse a esta decisión, o que suporía un incremento de 15.000 euros nesa cantidade destinada a servizos sociais.

O acordo ao que chegaron BNG e PSOE forma parte dunha moción conxunta que ámbolos dous grupos presentarán ao vindeiro Pleno do 3 de setembro, no que ademais se acorda “buscar alternativas e fórmulas para tratar de compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos municipais”. Segundo explicou Antón Bao, neste momento os servizos técnicos municipais da área económica e da asesoría xurídica están estudando cal podería ser o procedemento para facer efectiva esa compensación, “pero a vontade do Goberno é pagar aos traballadores e traballadoras do Concello a extra de Nadal baixo a fórmula que sexa”, dixo.

Antón Bao cifrou entre 15 e 20 millóns de euros os efectos negativos sobre o consumo e a economía lucense da decisión do Goberno de Mariano Rajoy de eliminar a paga extra de Nadal aos funcionarios e traballadores públicos. Bao afirmou que os efectos negativos sobre a economía da cidade van ser moito máis importantes que o suposto aforro que lograría o Concello.

O responsable nacionalista indicou que as consecuencias do decreto estatal van ser máis graves nunha provincia coma Lugo, na que os empregados públicos representan o 27% do total de traballadores en activo. Na provincia de Lugo hai uns 24.400 empregados públicos entre Concellos, Deputación, Xunta, Estado e Universidade. Boa parte deles teñen o seu posto de traballo na cidade de Lugo ou fan parte das súas compras na capital. Antón Bao dixo que “as consecuencias da perda de poder adquisitivo dos funcionarios vanse trasladar de xeito inmediato ao comercio, a hostalería e a pequena e mediana industria local”. Se a isto lle engadimos a suba do IVE, Bao augurou un “parón absoluto” no sector do comercio este Nadal.

Declaración polo pasamento de Avelino Pousa Antelo

A Xunta de Goberno aprobou tamén unha declaración institucional de pésame polo pasamento de Avelino Pousa Antelo, insigne galeguista falecido o pasado día 20 aos 98 anos de idade. A vinculación de Pousa Antelo con Lugo comeza en 1944 cando aproba unhas oposicións de mestre e comeza a dar clase na escola da parroquia de Santa Comba. Ao ano seguinte, chamado polo empresario lucense Antonio Fernández López, encárgase de crear e dirixir a Escola Agrícola da Granxa Barreiros en Sarria, dende a que fixo unha importante labor de promoción da agricultura moderna e do cooperativismo agrario. En 1946 casa tamén en Lugo con Nora Díaz Losada. Ademais dos nove anos adicados á Escola Barreiros, Pousa Antelo percorreu intensamente a provincia de Lugo como propagandista de sementes seleccionadas, nomeadamente das novas razas de pataca que introduciu nas grandes zonas de produción pataqueira da meseta luguesa a principios da década dos anos 60.

Entusiasta e perseverante activista a prol da lingua e da cultura galegas, Pousa Antelo ocupou ao longo da súa vida diversos cargos dentro do Padroado do Pedrón de Ouro e da Fundación Castelao, da que era presidente. Foi membro dende a Segunda República das Mocedades Galeguistas e do Partido Galeguista, ao que se mantivo fiel toda a súa vida.

Contratacións XGL

Por outro lado, o Concelleiro de Urbanismo, informou dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local e no que destacan a contratación dun software para levar a cabo o enlace automático das aplicacións de xestión municipal cos servizos da Dirección Xeral de Tráfico, o testr@ e nostr@-dev, por valor de 24.284 euros IVE incluído.

Luis Álvarez comentou que Testr@ é o taboleiro edictal de sancións de tráfico da Dirección Xeral de Tráfico no que se concentran as publicacións de anuncios e editos co que se substitúe a edición impresa tradicional nos boletíns oficiais da provincia pasando a ser unha edición totalmente electrónica. No caso do Nostr@-dev é un sistema de notificacións electrónicas das sancións de tráfico. Para a correcta implantación de ambos programas faise necesario un software que incorpore a interacción automática dende as aplicación de xestión municipal con estes servizos da DXT.

Outro dos asuntos que non eran de carácter urbanístico foi a aprobación da modificación do regulamento para acceder ao corpo de bombeiros no que se refire ás probas físicas esixidas para acceder á praza. O que se aprobou é a supresión dunha das probas denominadas uñeiros e puñais xa que este era un dos poucos concellos que aínda a tiñan e para mellorar a seguridade dos opositores.

Multimedia