A Xustiza respalda ó Concello por negarse a pagarlle 9.000 euros a unha empresa que incumpriu un contrato

Viernes, 14 de febrero de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo acaba de gañar un pleito interposto pola empresa Complementos Policiais Compol S.L. que reclamaba o pago de algo máis de 9.000 euros por unhas prendas defectuosas para o vestiario da Policía Local.

A Xustiza falla a favor das teses do Concello nunha sentenza que vén de facerse pública e na que desestima o recurso contencioso-administrativo interposto pola devandita empresa. O Xulgado do Contencioso Administrativo desestima o recurso contra a desestimaciación presunta por silencio administrativo da reclamación formulada contra o Concello de Lugo na cuantía de 9.062,40 euros por ser conforme a dereito e imponlle as costas na cuantía de 300 euros como límite dos honorarios do letrado.

A empresa pretendía que o Concello de Lugo lle pagara eses cartos por unhas prendas de vestir que entregou con diversas deficiencias. Esta empresa recibira o encargo de subministrar 256 polos bicocor de manga curta para os axentes da Policía Local pero o vestiario que entregou tiña deficiencias e non cumpría coa Orde de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, nomeadamente non tiñan tres botóns, o escudo de Galicia da manga dereita e a praca de plástico pectoral non tiñan as medidas correctas e, ademais, a coroa do escudo non corresponde á do Concello de Lugo.

O Xulgado considera que “constando ditas deficiencias e non estando acreditada a súa reparación ou subsanación, está claro que o contrato non se cumpriu (...) pois o subministro non se efectuou a satisfacción do Concello de Lugo polo reseñado con anterioridade e dacordo coas esixencias da normativa ó efecto en materia de uniformidade dos axentes da Policía Local que se impón como unha obriga cuxo incumprimento xenera que o obxecto do contrato de subministro quede sen efecto”.

Engade a senteza que “en definitiva, á vista do incumprimento contractual polo razoado con anterioridade e non estando probado que os polos de manga curta se tiveran usado polos axentes da Policía Local, o recurso contencioso-administrativo non pode prosperar pois o Concello de Lugo non vén obrigado a satisfacer o prezo polas prendas anteditas defectuosas”.