Lugo terá garantida para o futuro tanto a calidade como a cantidade de auga que precisa, grazas ás obras que levan a cabo o Concello e Acuaes

O derrube do vello depósito é unha das obras do proxecto de ampliación do abastecemento que rematará o anel hídrico que rodeará Lugo  

A terceira fase deste proxecto ten un investimento de 7,7 millóns de euros e estará rematado en menos de ano e medio

Martes, 30 de septiembre de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, e a Directora Territorial de Acuaes, Isabel Pérez-Espinosa, acompañados polo Concelleiro de Infraestruras, Manuel Chaín, e o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, visitaron hoxe as obras de demolición do vello depósito da Piringalla.

Luis Álvarez explicou que o derrubo deste vello depósito, que tiña importantes problemas estruturais, forma parte das obras da terceira fase do proxecto de ampliación de abastecemento de auga a Lugo, que financian o Goberno, a través de Acuaes, e o Concello.

Salientou tamén que estas importantísimas obras “non se ven pero que, para unha administración preocupada polos veciños, son as máis importantes” e dixo que con estas actuacións Lugo pode presumir de estar no futuro, tanto no que se refire ó sistema de abastecemento de auga como ó de saneamento.

Luis Álvarez salientou que esta actuación só é posible grazas a colaboración entre institucións que xuntan esforzos para resolverlles problemas ós veciños, xa que se trata de obras dun monto económico que sería imposible asumir en solitario pola administración local.

“Este é un dos grandes logros do Alcalde, José López Orozco, no que tivo un importante papel o meu predecesor na Concellería de Medio Ambiente, Lino González Dopeso”, destacou tamén Álvarez.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente tamén puxo de manifesto que Acuaes cumpre escrupulosamente os prazos nas obras e a Directora Territorial de Acuaes declarou que “temos un compromiso de acabar esta obra en 14 meses, nun proxecto que inicialmente tiña un prazo de 18 meses e que se reduciu co esforzo da empresa construtora, e aquí estaremos vixilantes, mes tras mes, para que se cumpran eses prazos

Isabel  Pérez-Espinosa asegurou que, con estes prazos, “en menos de ano e medio no concello de Lugo teremos unha rede de abastecemento e de saneamento de primeiro nivel, que supón unha garantía para o futuro tanto no que respecta á calidade como a cantidade de auga”.

Terceira fase da ampliación do abastecemento de auga

O investimento nesta actuación consistente na ampliación do abastecemento de auga a Lugo é de 7,7 millóns de euros, que aportan o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, procedentes dos fondos FEDER e de Acuaes, cunha achega do 80% do orzamento, e o Concello de Lugo, o 20% restante.

O prazo de execución das obras é de 14 meses.

A ampliación do abastecemento de auga a Lugo ten como obxecto concluir o sistema integral deseñado, pechando o anel hídrico que rodeará a cidade, e que consistirá en mellorar o sistema d eperesións de toda a rede aumentando a garantía do subministro, especialmente nas zonas situadas a maior altura e ós puntos con máis demanda.

As obras consisten na execución de dous grandes eixos de conduccións co obxecto de rematar o anel hídrico:

-Anel hídrico da zona Este, As Gándaras-Estrada de Fonsagrada, que consiste na construción de dúas novas conducións, de auga potable e de auga recirculada reutilizada, que completen o anel hídrico Marcelle-Ceao-Gándaras.

-Anel hídrico da zona Oeste, na marxe dereita do río Miño, que inclúe a construción dunha tubería de abastecemento na marxe dereita do río Miño dende os depósitos de Penarrubia ata a antiga estrada de Santiago, co obxectivo de dotar de subministro de auga potable á periferia da cidade.

A actuación inclúe o soterramento dunha liña eléctrica, a construción da caseta sobre as válvulas da fase anterior e a demolición do vello depósito, toto elo na zona de Marcelle.

Esta actuación completará o sistema de abastecemento á cidade e núcleos do contorno, que foi executado nas anteriores fases I e II por Acuaes, garantindo o abastecemento dunha poboación de 93.000 habitantes.

Multimedia