O Alcalde de Lugo e o Presidente de Mercasa asinan o contrato para a elaboración do proxecto de rehabilitación da Praza de Abastos

Viernes, 24 de enero de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Estas actuacións forman parte dun plan de actuacións na zona que está a levar a cabo o Concello e que na Praza de Abastos terá un investimento de 1 millón de euros

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente de Mercasa, Eduardo Ameijide y Montenegro, anunciaron hoxe a sinatura do contrato coa empresa pública Mercasa para a realizarción do proxecto de estudos e propostas técnicas para reformar a Praza de Abastos e gañadora no concurso público. Ao acto tamén asistiu a Deputada de Economía e Facenda, Pilar Garcia Porto.

López Orozco explicou que o proxecto de mellora da Praza de Abastos, que financia o Plan Urban e suporá un investimento de máis de 1 millón de euros, é un dos principais proxectos que  temos para a zona, dentro dun plan que suporá un revulsivo económico e estético nesta parte do centro de Lugo.  “É unha sorte que unha empresa pública con tanta experiencia no sector sexa a que gañou o concurso para a mellora da Praza” seguno o Alcalde que ademais manifestou que “nós queremos acertar con esta rehabilitación para que veciños e praceiros se sintan cómodos nas instalacións”.

No plan de traballo establécese que se dará a máxima participación ós comerciantes, e manteranse reunións tanto cos placeiros como cos seus representantes para ter en conta todas as súas aportacións. Neste sentido, o Alcalde, tamén explicou que “somos conscientes de que as obras deberán realizarse sen que afecten a labor diaria dos praceiros e estase estudando como facelo para evitar molestias”.

O proxecto contemplará un plan de rehabilitación integral do edificio, que prevé o cambio da cuberta, a renovación dos aseos, un sistema contraincendios, a reforma do saneamento, o adecentamento da fachada, a revisión do sistema eléctrico, a eliminación das barreiras arquitectónicas, a distribución do espazo do soto, a renovación do sistema de información dos postos, a instalación de WiFi e dun sistema de climatización. Ademais o proxecto inicial conta cunha escaleira mecánica para unir o soto da Praza de Abastos coa planta principal.

Pola súa parte, Eduardo Ameijide, sinalou que na redacción do proxecto se vai traballar con dúas ideas principais “lograr a visualización de todos os postos da Praza e das dúas plantas con espazos abertos e crear un espazo multifuncional para conseguir a integración do movemento dos postos con novas actividades que o dinamicen”. “Trátase de adaptarse ás necesidades dos placeiros e dos usuarios pero actualizando as instalacións” segundo o Presidente de Mercasa, que é unha empresa pública de mercados pertencente ó Ministerio de Industria, que ten moita experiencia en proxectos de modernización de mercados  en toda España.

O contrato ten un importe de 82.200 euros e un prazo para a redacción do proxecto de 4 meses. Esta acción está financiada co Plan Urban, que que conta co 80% de cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Estas actuacións forman parte dun plan de actuacións na zona que está a levar a cabo o Concello no que tamén se inclúen as melloras no Mercado municipal, a implantación do comercio electrónico na Praza e o Mercado, a humanización das calexas do Son e o Hospital e de Quiroga Ballesteros e o proxecto ICOR.

Multimedia