O Goberno local fai un chamamento ós veciños do Sagrado Corazón para que non caian en provocacións ante a paralización das obras de Paradai

Miércoles, 22 de enero de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Luis Álvarez reta a Jaime Castiñeira a que explique por qué a Delegada da Xunta supervisou as obras a finais do mes de outubro se éstas non contaban con todos os permisos necesarios


O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, fixo hoxe un chamamento público ós veciños do Sagrado Corazón para que manteñan a calma e non caian en provocación de ningún tipo ante a paralización das obras de Paradai e pediulle ós veciños que teñan un pouco máis de paciencia, non fagan caso das provocacións e “non entren ó trapo da estratexia da crispación que pon en marcha o señor Castiñeira nese camiño político a ningunha parte no que está metido”.

“Non queremos ningún conflicto na nosa cidade, nin no Sagrado Corazón nin en ningún barrio”, destacou Luis Álvarez, quen revelou que lle pediu ó Presidente da Asociación de Veciños que “non fagan caso ós provocadores” e amosou a súa confianza en que a Xunta de Galicia retormará as obras de Paradai tan pronto como se resolvan os problemas técnicos da empresa adxudicataria das obras, que foron os que motivaron a paralización das obras, segundo explicou públicamente, o pasado venres, o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández tal e como recolleron no seu momento os medios de comunicación social.

Luis Álvarez destacou que “pese a todo, confío na palabra do Conselleiro, porque sei que tivo que sair a darlle cobertura política a Jaime Castiñeira, que debeu sentirse desautorizado e chamou arrebato”.

Álvarez salientou a súa confianza en que as obras se retomarán o antes posible e dixo que está seguro de que “esta situación vaise resolver, seguimos confiando en que a Xunta de Galicia vai ser capaz de executar ese vial”.

O Concelleiro de Urbanismo tamén chamou a atención sobre o feito de que, dende o Concello, “xa fixemos máis do que tiñamos que facer, pero estamos satisfeitos de todo o que levamos feito polo gran cambio que experimentou o barrio” e remarcou que “sei que todos, agás Jaime Castiñeira, traballaremos para que o problema se resolva rápidamente”.

Álvarez saiu ó paso hoxe da nova xeira de falsedades difundidas, nos últimos días, polo Partido Popular e o seu Voceiro que, unha vez máis, tentan descargar no Concello de Lugo a responsabilidade deste novo atraso nas obras do tan desexado Plan Paradai.

O Concelleiro de Urbanismo retou a Jaime Castiñeira a que explique se é que as obras de Paradai comezaron sen dispór dos permisos necesarios, como se deduce das súas declaracións, xa que a Xunta anunciou que os traballos comezaran a finais do mes outubro e agora o Voceiro do PP sae dicindo que o Concello é culpable de ter pendente co Adif un trámite necesario para poder levar a cabo as obras.

Luis Álvarez lembrou que, dacordo coas noticias e fotografías difundidas polos medios de comunicación da cidade, a Delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, efectuou unha visita “para supervisar as obras” o día 28 de outubro e oito días despois, o día 6 de novembro, foi cando se reuniu a Comisión de seguemento do Plan Paradai na que se lle plantexou ó Concello a necesidade de obter do Adif unha acreditación de que se suscribira o preceptivo documento de concesión demanial. O Concello accedeu nesa reunión a facer o trámite e os servizos de Enxeñería municipais comezaron os trámites co Adif o día 11 de novembro.
 
Ademais o Concelleiro de Urbanismo, que facilitou copia da acta da reunión ós medios de comunicación, deixou claro que o Concello non solicitou ningún cambio dos muros de contención proxectados. Só se plantexou verbalmente na reunión “a posibilidade” de facer unha permuta de terreos para substituir os muros por un talude, idea que se dera a coñecer á opinión pública no seu día, pero os membros da Axencia Galega de Infraestruturas indicaron na reunión que “o Concello debería solicitar” o cambio. E o Concello decidiu non formular tal solicitude para evitar novos retrasos na obra, feito que lle foi comunicado telefónicamente polo Alcalde á Directora Xeral de Infraestruras da Xunta.