O Concello ofrécelle á Xunta as instalacións do CEI-Nodus para que o IGAPE poida descentralizar as súas actividades

Jueves, 30 de mayo de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, acompañada pola representante do Igape, Cristina Sanz, inaugurou esta mañá unha Xornada sobre Xestión por procesos e cadro de mando integral que se celebrou no CEI-Nodus.

A Concelleira de Economía agradeceu ó Igape a organización deste tipo de actividades porque salientou que “son moi útiles para mellorar a competividade das pequenas e medianas empresas”.

Sonia Méndez tamén aproveitou para ofrecerlle á Xunta o CEI-Nodus, para que o Igape conte tanto coas súas instalacións como co persoal técnico municipal para a organización de futuras accións de maneira que lle permita descentralizar a súa actividade de apoio ó emprendemento.

Neste sentido, a Concelleira de Economía, explicou que dende a entrada en funcionamento foron máis de 50 empresas as que se crearon e pasaron polas súas instalacións creándose aproximadamente 300 empregos.

Na Xornada celebrada esta mañá explicouse ós asistentes o programa do IGAPE denominado Re-Acciona de prestación de servizos avanzados, financiado polos fondos Feder, que ten por obxecto mellorar a competividade empresarial das pemes galegas.

O servizo de Xestión por procesos e de cadro de mando integral ten os obxectivos de dotar á organización dun cadro de mando integral, a través dun sistema de obxectivos e indicadores que permitan a toma de decisións do equipo directivo, así como identificar e documentar os procesos e establecer un sistema de control dos mesmos.

Este proxecto facilita, ademais, alcanzar a certificación segundo a norma UNE-EN ISO 9001, para aquelas empresas que así o desexen, mentres que as organizacións certificadas consiguen aliñar a súa estratexia cos seus procesos e traducila a un conxunto de medidas estruturadas a través do cadro de mando.