Luis Álvarez presentou a modificación da ordenanza das ITE

Jueves, 12 de enero de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Tenente Alcalde, Antón Bao, anuncia que o orzamento do San Froilán, que xa baixou en 45.000 euros no 2011, seguirá reducíndose ata os 695.000 euros neste ano “sen que iso vaia supoñer unha merma na calidade”.

Antón Bao e Luis Álvarez deron conta dos puntos que se trataron na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá. Luis Álvarez explicou que “só foron modificacións de crédito dos orzamentos do 2011 e lembrou que o máis destacado son, un cambio de orzamento de 367.926 euros coa finalidade de outorgar cobertura para a prórroga de persoal para o desenvolvemento do proxecto “Lugo Emprego Activo”, o que permite que sigan co seu traballo de asesoría e orientación ata novembro deste ano”

Outra das máis destacadas é a modificación mediante transferencia de crédito dos orzamentos de 2011 por importe de 475.000 euros que é necesaria debido ao adianto en 6 meses da posta en marcha da Estación de Tratamento de Auga Potable de Lugo.

Modificación da Ordenanza sobre conservación, rehabilitación e estado ruinoso das edificacións
Por outra parte, Luis Álvarez, presentou a proposta de modificación da Ordenanza sobre conservación, rehabilitación e estado ruinoso das edificacións, que xa foi trasladada a toda a corporación, coa intención de que sexa aprobada no pleno ordinario do mes de febreiro. As modificacións establécense en torno a catro aspectos fundamentais, segundo explicou o Concelleiro de Urbanismo. O primeiro deles é recoller os cambios normativos que se produciron dende o 2003, ano de aprobación da vixente ordenanza. Tamén se trata de solventar os problemas que se foron detectando na súa aplicación neste tempo. Ademais perséguese a simplificación dos procedementos tanto nos servizos municipais como para os cidadáns. O último dos obxectivos é darlle uniformidade aos informes relativos ás Inspeccións Técnicas de Edificios.

Unha das novidades da nova proposta de ordenanza é a introdución no texto de ordes de execución no caso das ITE que resulten desfavorables. Tamén se regula a actuación inmediata ante situación de perigo grave e inminente como poden ser os desaloxos, apuntalamentos... que en todo caso correrán por conta dos donos dos inmobles afectados. Ademais flexibilízanse procedementos como o de autorización de ocupación da vía pública para a instalación, por exemplo, de grúas, no caso de producirse unha orde de execución.

No caso das inspeccións dos edificios crearase un formato tipo para unificar contidos e tamén se establece un réxime especial para aquelas vivendas que se acredite que están deshabitadas, neste caso só será obrigatoria a comprobación de seguridade, salubridade e ornato.

Outras das novidades é a simplificación na tramitación de ordes de execución que afectan a solares para a limpeza de malezas, neste caso establécese un informe tipo e ademais redúcese a 10 días o prazo para levar a cabo as actuacións cando non precisan licenza de obras. No caso de ser necesaria a licenza de obras o prazo para solicitala será de 15 días e para cumprir a orde de execución o prazo será o que se estableza na licenza.

Aforro San Froilán
A Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que dirixe o nacionalista Antón Bao, conseguiu aforrar 45.000 euros na pasada edición do San Froilán con respecto ao orzamento das festas do ano anterior. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe cinco modificacións de crédito do Orzamento do 2011, entre elas unha de 56.113 euros para o pago das últimas facturas pendentes das pasadas festas patronais.

O tenente alcalde explicou na rolda de prensa posterior que este aforro logrouse fundamentalmente grazas á boa xestión realizada, que permitiu aforrar 64.000 euros nos contratos de produción, montaxe de escenarios, e imaxe e son dos concertos, e grazas aos 38.000 euros logrados en concepto de patrocinio de aportacións de distintas empresas e entidades, ás que Antón Bao volveu dar hoxe unha vez máis as grazas “por colaborar coa cidade de Lugo e coas súas festas a pesar da situación económica que nos está a afectar a todos”, salientou.

Así pois, e a falla de pechar as contas de maneira definitiva, o custo total das festas deste ano situouse nos 845.000 euros, segundo os datos aportados por Antón Bao, fronte aos 890.000 euros do ano anterior. O tenente alcalde xa anunciou tamén hoxe que o orzamento para as festas deste ano seguirá a reducirse, “sen que iso afecte á calidade das festas”, indicou.

Neste sentido, Bao avanzou que o San Froilán 2012 terá un dos orzamentos máis reducidos dos últimos anos. Situarase nos 695.000 euros, fronte ao 1,3 millóns de euros gastados nas festas patronais hai tan só catro anos, no ano 2007. Sen embargo, o responsable de Cultura do Concello mostrouse convencido de que “nin a calidade nin a proxección do San Froilán se vai ver afectada por esta rebaixa orzamentaria”. “Faremos unhas magníficas festas, como fixemos este ano, pero con menos cartos”, dixo Bao, que apostou por “moita animación na rúa e moito sentido de festa na xente, nos lucenses, que son os que fan o San Froilán”.

60 traballos presentados ao premio Ánxel Fole
O responsable de Cultura tamén deu a coñecer hoxe o número de traballos presentados ao Certame de Narración Curta Ánxel Fole na súa única modalidade en lingua galega. Foron 60 os relatos presentados, 6 máis que no ano pasado, a pesares de contar en anos anteriores con dúas modalidades, unha en galego e outra en castelán (na edición do 2011 presentáronse 32 traballos en castelán e 20 en galego).

Antón Bao explicou que se recibiron traballos de fóra de Lugo, mesmo de Galiza, con traballos presentados dende outras partes do Estado, como Madrid ou Barcelona. O xurado encargado de avaliar a calidade das obras presentadas estará formado polos escritores lucenses Marica Campo, Xoán Cuba e Antonio Reigosa. O fallo do xurado darase a coñecer a mediados do mes de febreiro. Hai tres premios de 1.500, 1.000 e 500 euros para o primeiro, segundo e terceiro clasificado.

Multimedia