O Goberno Local rexeita as medidas urxentes de Mariano Rajoy que vulneran a autonomía dos concellos ao impoñer a suba de impostos

Jueves, 05 de enero de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobáronse as bases que rexerán no procedemento aberto de licitación para a creación de terrazas na praza de San Marcos, segundo informou a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez.

A licitación para ocupar o espazo público na praza de San Marcos consta de tres espazos diferenciados. A terraza número 1 cunha dimensión de 19,80 m x 4,02 m, o que equivale a 80 m² e parte cun prezo de 4.632 euros anuais. A terraza número 2 de 19,20 m x 4,02 m, que ocupa 78 m² e que se licita cun prezo mínimo de 4.513,20 euros anuais e, por último, a terraza número 3 de 21,60 m x 3 m, equivalente a 65 m², cun prezo de licitación de 3.763,50 euros anuais. “Os prezos fíxanse segundo a ordenanza fiscal número 152 que establece unha tarifa anual por cada m² de uso público de 57,90 euros” segundo informou a Concelleira de Economía. O prazo de duración do contrato será dun máximo de catro anos.

Pola súa parte, a Concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, informou da aprobación dun proxecto na zona da Abella e que contempla unha rede soterrada de dobre circuíto cunha tensión de 20 Kv para dar servizo á instalación eléctrica prevista na urbanización Sector Norte H, e que discorrerá por Rúa Bogavante, Rúa Lamas de Prado e Rúa Poeta Aquilino Iglesias Alvariño. O presuposto da obra é de 254.737 euros.

Subida do IBI
Sonia Méndez tamén fixo unha valoración do Goberno Local sobre o Real Decreto de Medidas Urxentes aprobadas polo Goberno de España “ao rexeitar estas medidas especialmente as que afectan aos concellos”. Tamén incidiu en que “consideramos vergonzoso que o Partido Popular durante a campaña electoral anunciase unha baixada de impostos e que a primeira medida que adopte sexa subir o IRPF e o IBI” para preguntarse “cal será a postura que adopte o PP de Lugo cando criticou a actualización dos tributos locais e agora o seu propio partido é o que sube un 10% no imposto de bens e inmobles para o 2012 e outro 10% para o 2013”.

A Concelleira de Economía explicou que os veciños de Lugo verán incrementado nun 10% os seus recibos do IBI “pero hai que deixar claro que é unha imposición do Goberno de Mariano Rajoy que ademais vulnera a autonomía local “ ao non permitir que as entidades municipais poidan decidir a cantidade a subir no tipo impositivo que se aplican aos recibos deste tipo. Sonia Méndez matizou que “agardo que este aumento dos recibos do IBI non substitúa o presuposto que comprometera o goberno anterior, ou o que é máis perigoso, que consideren esta medida como a solución ao problema do financiamento local” e paguen os contribuíntes o que tiña que repartir a Comunidade Autónoma a través de transferencias.

A responsable de Economía avanzou que aquelas persoas que domicilien o recibo do imposto de bens e inmobles antes do 20 de marzo teñen a opción de poder pagalo en dous prazos, o primeiro en xuño e o segundo en setembro, ”xa que non podemos evitar a subida polo menos facilitar o pago aos cidadáns”.

Multimedia