Máis 200 familias formaranse no CENTRAD para confeccionar os seus traxes de Arde Lucus

Miércoles, 21 de marzo de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A formación, dirixida ás ANPAS de colexios públicos e concertados da capital, inclúe 25 obradoiros: de corte e confección, elaboración de armas, complementos en coiro, coroas vexetais, papiros e adaptados para nenos de 3 a 5 anos

Entre as novidades, a Praza de San Marcos estrearase coma escenario do Arde Lucus e o Centro de Artesanía e Deseño vestirá ó Cesar e a Lisístrata

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, deron conta este martes da renovación dun convenio de colaboración entre ambas as dúas administracións para a organización da undécima edición do Arde Lucus, nun acto que tivo lugar no Obradoiro do Traxe do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD). Mediante este acordo, a Deputación achega 18.000 euros para formar ás máis de 200 familias que integran as ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos) dos colexios públicos e concertados da capital luguesa. O CENTRAD organizará 25 obradoiros nos que pais e fillos poderán confeccionar as súas vestimentas completas, tanto de romanos coma de castrexos, do Arde Lucus.

O Alcalde destacou que “o éxito do Arde Lucus débese a que esta festa é cousa de todos” e explicou que “como é cousa de todos, buscamos patrocinios en empresas privadas e en entidades públicas como a Deputación, que colabora con nós mediante o Inludes e o Centro de Arte e Deseño”. López Orozco agradeceu a “colaboración que nos volve prestar este ano a Deputación de xeito desinteresado, como son e foron todas as colaboracións de entidades e empresas, na organización dos actos de Arde Lucus”.

Gómez Besteiro salientou que “cada ano vamos mellorando os nosos traxes, introducindo un elemento máis. Por tanto, creo que a mellor forma de lograr o vestiario que desexamos é que cada un o saiba facer. Para elo, están os profesionais do CENTRAD que asesorarán a través destes obradoiros a adultos e a pequenos. Isto vai contribuír a apuntalar unha festa máis que coñecida, na que se involucran veciños de todos os Concellos da provincia que queren vir vestidos para a ocasión”.

A Deputación provincial colabora por cuarto ano consecutivo na festa do Arde Lucus, que ten a declaración de Festa de Interese Galego, a través do desenvolvemento de obradoiros para as ANPAS dos colexios de Lugo. A esta iniciativa sumáronse os colexios de Albeiros, Casás, Maristas, Menéndez Pelayo e Sagrado Corazón. En total están previstos 228 participantes.

Os cursos serán de corte e confección para realizar os patróns dos traxes; de fabricación de armas nos que facer espadas, escudos ou cascos; de traballos en coiro para elaborar complementos como bolsos, sandalias ou pulseiras; de elaboración de adornos florais nos que preparar coroas de flores ou loureiro, un dos ornamentos de máis éxito entre os participantes; e de realización de papiros. Ademais, para os máis cativos (de 3 a 5 anos) haberá obradoiros temáticos e á medida das súas habilidades, que se desenvolverán mentres os maiores participan nos talleres de máis complexidade. O ano pasado, a institución provincial achegou preto de 7.000 euros para a adquisición de teas coas que os lucenses fixeron, sen axuda, os seus traxes. Nesta ocasión, a colaboración vai máis aló, xa que agora aprenderán a coser as súas teas e a elaborar os complementos que poidan imaxinar.

Mercar traxes na Rede

O Presidente subliñou que esta non é a única opción que ofrece a institución provincial de contar cun traxe axeitado para o Arde Lucus. Todas aquelas persoas que tamén queiran unha vestimenta completa poden adquirila na Rede, entrando na plataforma de comercio electrónico da Deputación, a 1º existente na provincia. Para elo, só é preciso acceder á dirección web www.losproductosdelugo.com e buscar “Unha de romanos”, establecemento lugués que, o ano pasado, recibiu a visita de 1.500 internautas grazas á iniciativa da Deputación.

Máis novidades

Ademais de organizar estes obradoiros, o Obradoiro do Traxe Rexional do Centro de Artesanía e Deseño será o encargado de elaborar os traxes que lucirán dúas das figuras centrais da cita e que representan o espírito da festa: os personaxes de César e Lisístrata, que vestirán creacións nacidas das mans das costureiras do Centro. Outra da novidades, será que a praza de San Marcos, por primeira vez e tendo en conta que tras a súa transformación é un amplo espazo de uso público, lucirá engalanada coas cores do Arde Lucus, sendo escenario das actividades que se celebrarán entre os días 22 e 24 de xuño. Trátase da cita que, logo do San Froilán, atrae ó maior número de visitantes a Lugo cun millón de persoas, acadando o 100% da ocupación hoteleira e xerando un volume de negocio de 10 millóns de euros, segundo datos da última convocatoria. Declarada Festa de Interese Turístico en Galicia, o Arde Lucus sitúase, ademais, nun lugar destacado no calendario de festexos de España.

www.ardelucus.com

Multimedia