Concello e Deputación fan posible que Lugo acolla a única feira no norte de España en 2012 para profesionais do moble

Viernes, 18 de mayo de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

González Dopeso e Porto inauguran a Feira do Moble de Lugo, a 3º mostra dirixida a traballadores do sector que se celebra este ano no país tras anularse as de Alacante, Madrid, Sevilla e A Estrada.

Segundo datos oficiais, Galicia conta con 1.500 empresas de ebanistería, moble e elementos mobiliario que dan traballo a case 5.800 persoas e xeran beneficios de 290 millóns de euros.

Distribuidores nacionais e internacionais, destacando a presenza de 3 firmas rusas que contan con 90 tendas en dito país, avalían a oferta dos 45 profesionais que expoñen os seus produtos.

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto inauguraron hoxe a IV Feira do Moble de Lugo, a única mostra dirixida a profesionais do sector que se celebra este ano no norte de España. O financiamento de Concello de Lugo e Deputación fai posible que o Pazo de Feiras e Congresos da capital acolla, dende hoxe e ata o domingo, esta iniciativa económica, permitindo ós traballadores da madeira ofertar os seus produtos a distribuidores nacionais e internacionais. A de Lugo é a 3º feira do moble para profesionais que ten lugar en 2012 no país logo das celebradas en Zaragoza e Yecla e tras suspenderse as previstas en Alacante, Madrid, Sevilla e A Estrada. A día de hoxe, non está prevista ningunha outra mostra destas características en España porque as que figuran no calendario oficial son abertas ó público. Por exemplo, a da Estrada para o mes de setembro que non substitúe á anulada en abril.

González Dopeso incidiu na “valía dos participantes nesta mostra nun momento tan difícil que, aproveitando os nosos recursos, organizaron esta iniciativa” e convidounos a aproveitar a súa estancia na cidade para coñecer a “Muralla romana, a muralla verde e a gastronomía” lucense.

García Porto, pola súa parte, salientou “a suma de esforzos” de Deputación e Concello de Lugo para reeditar este proxecto, organizado por Juan Carlos López González -profesional lugués do moble- malia a crise. “Estamos de acordo en que temos que aforrar pero tamén investir para dinamizar a nosa economía e o emprego” indicou. E é que a Deputada subliñou que, segundo datos oficiais, Galicia conta con preto de 1.500 empresas de ebanistería, moble e elementos varios de mobiliario, que dan traballo a case 5.800 persoas e xeran un volume de negocio de 290 millóns de euros. Ademais, a riqueza forestal da Comunidade galega fan que sexa a 1º de España en canto ó número de entidades de serradoiro e preparación industrial da madeira.

Beneficios

45 profesionais de todo o país -dende Galicia, Valencia, Murcia e ata Castela la Mancha- presentan en 10.000 metros cadrados do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a máis ampla oferta das tendencias en mobiliario oficial, auxiliar, xuvenil, de xardín ou terraza, así como tapizado, colchonería, iluminación ou complementos de decoración. Para a súa posible compra, na cidade xa se atopan distribuidores nacionais e internacionais, destacando a presenza de tres importadores rusos (dous de Moscú e un de San Petersburgo), que contan con preto de 90 tendas en dito país. Na última edición, o volume de negocio acadado só coa venda deste material foi de 1,5 millóns de euros. Pero os beneficios foron superiores debido á afluencia de visitantes –foron máis de 2.500 persoas o ano pasado- que repercutiu noutros sectores como a hostalería. Xa hai confirmadas 100 reservas en hoteis da capital. 

 

Multimedia