Ana G. Abelleira presenta un recurso de reposición na Xunta ante a supresión das axudas para o servizo de atención no fogar

Miércoles, 16 de noviembre de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, entregou un recurso de reposición en contra da resolución pola que se resolve a subvención destinada ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais para o ano 2010, presentada ao abeiro da Orde do 3 de marzo de 2011.

Esta iniciativa ven motivada pola redución dun 74% da contía das subvencións que concede a Xunta para o programa de axuda no fogar, concretamente, para as persoas que acceden por libre concorrencia. Segundo indicou González Abelleira, “para este ano 2011 deberían ter abonado preto de 400.000 mil euros pero só se concederon sen previo aviso 72.000 euros, polo que a parte dese presuposto que adiantou o Concello non se recupera ao non ser concedido pola entidade autonómica.”

A Concelleira de Servizos Sociais insistiu en que estas medidas ocasionarán “un maior recargo para o Concello xa que ten que facer todos os esforzos, nunha materia que non é competencia súa, se non queremos que os nosos maiores, discapacitados ou persoas que requiran deste programa se atopen desamparadas e sen medios para ter unha vida axeitada no seu fogar”.

No mesmo sentido, o Concelleiro de Urbanismo e voceiro do grupo socialista, Luis Álvarez, manifestou que “para este equipo de goberno a cuestión prioritaria é a atención as persoas necesitadas xa que entendemos que eses servizos son esenciais e, polo tanto, temos o compromiso de que faga o que faga o goberno de Feijoó, ese servizo vaise manter para, unha vez máis, suplir as tarefas que lle corresponde á Xunta de Galicia.”

Multimedia