Adxudicadas as obras para eliminar o tapón urbanístico da rúa Dona Urraca, unha demanda veciñal histórica

Viernes, 13 de abril de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, explica que o paso no que se vai actuar é empregado diariamente por cativos que se dirixen aos colexios da zona e por numerosos vehículos, o que constituía un grave problema de seguridade viaria.

A Xunta de Compras do Concello adxudicou hoxe á empresa Canalugo por un importe de 8.017,42 euros as obras necesarias para a eliminación do tapón urbanístico existente na confluencia das rúas Dona Urraca e Camiño Verde. As obras comezarán de xeito inmediato, o que permitirá mellorar notablemente as comunicacións entre os barrios de Lamas de Prado e A Piringalla.

A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, explicou que a eliminación deste tapón urbanístico era unha “demanda histórica” dos veciños da zona. O inmoble número 102, que se atopa abandonado e fóra de ordenación, será derrubado para mellorar o paso nunha zona que ata agora era moi estreita. O ancheamento da rúa facilitará a conexión das rúas Dona Urraca e Camiño Verde con Mar Cantábrico e servirá para mellorar as comunicacións entre os barrios de Lamas de Prado e A Piringalla, no norte da cidade.

“Trátase dunha demanda histórica dos veciños desta zona de Lugo, que levan décadas pedindo que se solucione este problema”, explicou esta mañá a concellería do BNG, que indicou que “o paso no que se vai actuar é empregado diariamente por cativos que se dirixen aos colexios da zona, por persoas maiores que van ao centro social da Praza do Castiñeiro e por numerosos vehículos que o utilizan como atallo para dirixirse á zona norte da cidade”, polo que debido ao seu paso estreito e con nula visibilidade constituía un gravísimo perigo para a seguranza vial.

A actuación que se vai acometer consiste no derrubamento do inmoble que supón o entullo, que está deshabitado en en situación de ruína eminente, e o ancheado e asfaltado da rúa, que gañará varios metros de ancho.

Cesión de 51 m2 de vivenda e dun terreo anexo de 13 m2

Paz Abraira explicou que esta obra será posible despois de longas e dificultosas xestións coa familia propietaria do inmoble, en mans de moitos herdeiros. O Concello conseguiu no pasado mes de outubro facerse coa titularidade da casa, a número 102 da rúa Dona Urraca, así como dunha parcela anexa. Tanto a vivenda como a súa finca están cualificados no Plan Xeral como viario, pero forman parte dun polígono de actuación que non se desenvolveu.

A concelleira de Infraestruturas agradeceu esta cesión ao Concello, efectuada de xeito gratuíto e voluntario por parte dos propietarios, o que permitirá acometer esta mellora na cidade de maneira inmediata, sen agardar que se desenvolva a unidade de actuación. Os donos non perden os dereitos edificatorios, que os farán efectivos no momento de desenvolverse a unidade de actuación.

A superficie total na que se vai actuar é de 64 metros cadrados (51 metros cadrados do inmoble e 13 metros cadrados da finca anexa). Os traballos consisten na demolición e desescombro da casa, e procederá a continuación á repavimentación da rúa e á delimitación dunha zona para o paso dos peóns. A obra ten unha certa complexidade técnica, xa que pegada hai outra casa, habitada, polo que o derrubo terá que realizarse por medios manuais para separar a edificación a tirar da edificación
colindante a conservar. Para iso será preciso cortar as vigas que poidan estar embutidas na medianeira que se conserva. Os traballos incluirán a realización dun protocolo notarial de fendas na edificación colindante que se conserva. O prazo de execución é de dous meses dende o momento da sinatura da acta de replanteo.