Os principais clubes deportivos da cidade de Lugo participarán na homenaxe á Muralla do día 30

Jueves, 24 de noviembre de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, recibiu hoxe no Concello a Ezequiel Mosquera, que xunto a Gustavo César Veloso serán os encargados de tirar dos dous extremos da corda, aos que se sumarán logo todos os lugueses e luguesas

Nenos e nenas das categorías inferiores do Lugo, Breogán, Azkar, Emevé, Ensino, Cidade de Lugo e Porta Miñá participarán no acto, que pretende “unir á toda a cidadanía de Lugo á súa Muralla”, segundo explicou esta mañá Antón Bao

Os principais clubes deportivos da cidade uniranse á corda que o vindeiro mércores rodeará a Muralla para celebrar o XI Aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade. O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, que se reuniu esta mañá no Concello con representantes do Lugo, Breogán, Azkar, Emevé, Ensino, Cidade de Lugo e Porta Miñá, explicou que o obxectivo é que o acto do día 30 sexa “unha homenaxe colectiva de toda a cidade de Lugo á súa Muralla”.

Bao recibiu esta mañá no Concello, acompañado do responsable de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, e de representantes do deporte lucense, ao ciclista Ezequiel Mosquera, que xunto ao tamén ciclista galego Gustavo César Veloso serán os encargados de tirar dos dous extremos da corda, á que se irán agarrando logo en todo o perímetro da Muralla todos os lugueses e luguesas que queiran participar. Bao volveu facer un chamamento a todos os cidadáns para que acudan o vindeiro mércores a unirse á corda a redor da Muralla.

A recepción desta mañá acabou converténdose ademais nun xesto de apoio do mundo do deporte da cidade de Lugo a Ezequiel Mosquera, logo de que esta mesma semana fora sancionado con dous anos sen poder competir por mor dunhas probas practicadas no ano 2010.

“Coñezo a montaña de Lugo como a palma da miña man”

Ezequiel Mosquera agradeceu as mostras de apoio e de cariño que está a recibir estes días dos afeccionados e de moitas persoas do mundo do deporte a nivel galego e afirmou que é unha honra para el poder participar nesta homenaxe á Muralla de Lugo. “Porque ademais gústame moito Lugo e coñezo as súas montañas como a palma da miña man, teño entrenado moito polos montes dos Ancares e o Courel”, dixo o ciclista galego.

A preguntas dos xornalistas, Mosquera explicou que logo desta sanción medita o seu futuro no mundo do ciclismo. “Sempre dixen que me retiraría subido a unha bicicleta, pero con esta sanción de dous anos e con xa 35 anos hai que ser realista”, afirmou. Explicou que logo de quedar segundo na Vuelta a España do 2010 tivo ofertas de varios equipos Pro Tour e un contrato asinado co equipo holandés Vacansoleil que se foron ao traste por mor desta “sanción inxusta”.

Ezequiel Mosquera non quixo comparar o seu caso co de Alberto Contador, que estes días se dirime no Tribunal Arbitral Deportivo (TAS) con sede en Xenebra. O ciclista de Teo dixo que a vindeira semana estudará xunto ao seu avogado que medidas adoptar para recurrir a sanción de dous anos que lle foi imposta, pero aclarou que no seu caso dánse unha serie de vulneracións polo que non descartou acudir á xustiza ordinaria.

Unha corda de dous quilómetros e medio de longo

Lugo rodeará o vindeiro mércores a súa Muralla cunha corda de dous quilómetros e medio de longo para lembrar a súa. O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mañá os actos organizados para celebrar o XI aniversario desta declaración por parte da UNESCO, que tivo lugar o 30 de novembro do ano 2000.

A celebración levará este ano por lema ACórdaTe da Muralla e pretende, segundo explicou Bao, “chamar a atención entre os cidadáns de Lugo sobre o valor do noso monumento máis emblemático e sobre a necesidade de coidalo e preservalo, e chamar a atención fóra de Lugo sobre o feito de que a nosa cidade conta cun monumento de magnitude internacional, que está declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade”.

O tenente alcalde nacionalista dixo que a celebración deste ano será “unha celebración colectiva”. “É un día importante para Lugo e queremos celebralo con todos os lucenses, queremos que este aniversario, esa homenaxe anual á Muralla, sexa a máis colectiva de todas, queremos que as e os lucenses sexan os verdadeiros protagonistas desa celebración”.

O acto central deste aniversario terá lugar o vindeiro mércores, 30 de novembro, a partir das seis e media da tarde, cando dende o tramo peonil da ronda da Muralla sairán dous extremos dunha corda de dous quilómetros e medio de longo que rodearán a Muralla. Cortarase o tráfico na ronda da Muralla para que os lugueses e luguesas poidan facer este percorrido acompañando a Ezequiel Mosquera e a Gustavo César Veloso ben sexa a pé ou en bicicleta.

Cando os dous extremos da corda se xunten, tiraranse 11 foguetes e comezará a festa en toda a cidade. Haberá reparto de castañas de balde e actuacións musicais en todas as portas da Muralla e máis de 20 grupos e artistas de Lugo de distintas disciplinas (dende grupos de música, corais, magos ou grupos de teatro) actuarán todo ao redor do monumento romano.

Máis información na presentación de "aCÓRDAte da Muralla"

 

Multimedia