Alcalde e Ministro de Fomento asinan o convenio do 1% Cultural para rehabilitar a ponte romana

Jueves, 17 de noviembre de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O investimento será de case que un millón de euros, dos que Fomento achegará 712.000

O Alcalde, José López Orozco, e o Ministro de Fomento, José Blanco, asinaron hoxe o convenio de colaboración do 1% Cultural para a rehabilitación da Ponte romana de Lugo. A sinatura do convenio tivo lugar nun acto privado que se celebrou esta mañá no Concello, coa asistencia da Concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, e dos Voceiros socialista, Luis Álvarez, e do Partido Popular, Jaime Castiñeira.

Con este acordo dase cumprimento ó compromiso do Ministro de Fomento, José Blanco, de financiar a rehabilitación da Ponte vella trala posta en servizo da nova Ponte sobre o río Miño.

O presuposto total da actuación achegarase a un millón de euros, dos que Fomento vai aportar 712.462,5 e o Concello os 237.487,5 euros restantes.

A Ponte romana, con tres arcos de directriz circular e oito apuntados, é unha ponte de orixe romana sobre o río Miño, que se construíu probablemente nos séculos I-II d.C, que forma parte da antiga estrada N-543. Foi reconstruído na Idade Media e formaba parte do camiño primitivo a Santiago.

A Ponte actual é o resultado de sucesivas actuacións levadas a cabo nos séculos XVIII, XIX e XX. A última intervención importante, con proxecto redactado en 1893 polo enxeñeiro Godofredo A. Cascos, dotou á ponte de beirarrúas a ambos os lados, apoiadas sobre vigas metálicas e rebaixou a rasante alombada entre outras actuacións.

O proxecto impulsado hoxe eliminará a estrutura metálica das beirarrúas, así como as lousas de formigón armado e o pavimento actual de mezcla bituminosa, que se vai substituír por pavimento de pizarra. Construiranse novos pretís de pedra e modificarase a actual rasante da ponte.

Ademais, modificaranse as actuais conducións de auga, tendido eléctrico e telefónico, e incluirase unha de reserva. Tamén se dotará á ponte dunha iluminación ornamental.

Así mesmo efectuarase a limpeza e plantación de árbores e arbustos nas marxes inmediatas do río e actuarase na escollera da marxe dereita.

Logo da actuación, restrinxirase a circulación rodada a un sentido, e unicamente para os residentes na marxe dereita e vehículos de emerxencia.

Multimedia