O Concello investirá 48.500 euros na sinalización turística da cidade que se financiará con fondos do Plan Urban

Lunes, 18 de julio de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O proxecto consiste na instalación de 16 sinais en monumentos, dotados con código QR, 7 planos e 6 indicadores de dirección

A Alcaldesa accidental e Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, deu conta hoxe dos avances no proxecto de sinalización turística da cidade que levará a cabo o Concello grazas ó Plan Urban, que financian o Concello, a Deputación Provincial e a Unión Europea a través dos fondos FEDER.

Méndez anunciou que a Mesa de Contratación do Concello propuxo adxudicar este proxecto, consistente tanto na fabricación como na instalación dos sinais, á empresa Teva Señal por un importe de 48.500 euros. Esta empresa, que se encargou da sinalización en outras cidades como Madrid ou Sabadell, foi a que ofreceu o prezo máis barato xa que fixo unha baixa de máis de 30.000 euros que o Concello aproveitará para ampliar as axudas do Plan Urban á creación de negocios e ó pequeno comercio lucense.

A Alcaldesa accidental salientou que se trata dunha actuación moi importante para atraer turismo á cidade que é posible grazas o Plan Urban. “Era unha necesidade grande que tiña a nosa cidade e que vai contribuír á dinamización turística de Lugo”, manifestou Sonia Méndez quen lembrou que a Xunta “comprometérase en distintas ocasións á instalación destes sinais aínda que finalmente tivo que asumilo o Concello e puido facelo grazas ó Plan Urban”.

Méndez explicou que os sinais están autorizados pola Dirección xeral de Patrimonio da da Xunta e, ademais de adaptarse á normativa da Xunta, tamén cumpren coa normativa do PEPRI tanto no que se refire ás cores como ós materiais nos que se van construír.

O proxecto de sinalización turística de Lugo consiste na instalación de 29 paneis de información turística de tres tipos.

Vanse instalar 7 planímetros en puntos estratéxicos de entrada ó casco histórico, concretamente en Bispo Aguirre, Rúa Nova, San Pedro, Campo Castelo, e nas prazas de Santa María, da Soidade e do Ferrol.

Un segundo grupo de sinais serán os 16 que se van colocar diante dos monumentos máis importantes do centro histórico. Neles haberá información dos monumentos, escrita en galego, castelán, inglés e tamén en idioma braille e, ademais, estarán dotados con dispositivos QR, unha tecnoloxía para teléfonos móbiles que permitirá acceder a vídeos informativos sobre a historia e os usos actuais dos monumentos. Eses vídeos consisten en pequenas representacións teatrais a cargo de actores vestidos de época que interpretan a personaxes históricas relacionadas con cada un dos monumentos. Esas personaxes explicarán nos vídeos tanto a orixe e a historia de cada monumento como os seus usos actuais.

A sinalización completarase con 6 paneis direccionais que indicarán ós visitantes como chegar a lugares de interese interese turístico.

www.lugo.es/urban

 

Multimedia