O Concello de Lugo prioriza a axuda social e aforrará na animación sociocultural

Lunes, 05 de diciembre de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, anunciou hoxe que, nestes tempos nos que medran as necesidades das persoas sen recursos e o Concello sofre os recortes nas achegas económicas da Xunta de Galicia, o Goberno local daralle prioridade á axuda social e terá que aforrar na animación sociocultural.

“Imos aforrar naquelo no que podemos, en cousas que, aínda sendo necesarias non son imprescindibles, polo que temos que sacrificar o gasto en animación sociocultural, que é onde temos que facer ese aforro”, manifestou a Concelleira de Benestar Social.

Basadre defende que “nestes momentos debemos manter e impulsar o servizo de axuda no fogar, que vai aumentar ata 2.300.000 euros” e sinalou que “imos aforrar na animación sociocultural, en horas e en cartos, para manter o que resulta imprescindible para que as persoas vivan dignamente, que son servizos como a axuda a domicilio, os centros de día e a emerxencia social”.

A Concelleira de Benestar Social reunirase os días 13 e 14 de decembro nos distintos Centros de convivencia cos usuarios do programa da animación sociocultural para explicarlles cales son os motivos destas medidas. “Pediría comprensión ós usuarios, xa que son preto de 190.000 euros o que podemos aforrar, e penso que o entenderán as persoas que neste momento poden estar algo disgustadas”, dixo Carmen Basadre.

O novo prego da animación sociocultural para o ano que vén leva unha redución que será de preto dun 60% en horas e cartos, anunciou Basadre e explicou que “imos manter aquelo que é básico como a memoria para maiores, ou o leo e escribo e tamén actividades como ximnasias ou tai chi, que se van desenvolver sobre todo en horarios de mañá, que son horarios nos que poden acudir as persoas maiores ou os parados xa que as persoas que teñen un traballo pódense permitir pagar un ximnasio e, ademais, o Concello mantén desde hai anos un convenio cos ximnasios da cidade que ofrecen unha tarifa máis barata”.

Tamén avanzou que “a nosa idea é manter actividades en todos os centros, de outubro a maio, cinco horas diarias de actividades en cada centro, máis o que se programe no verán ou en datas específicas”.

Ademais a Concelleira de Benestar lembrou que “unha das funcións da animación sociocultural é promover o asociacionismo, de xeito que calquera persoa ou colectivo que queira facer calquera actividade nos Centros cívicos do Concello téñenos á súa disposición e ímolos axudar para levar adiante calquera actividade que queiran facer”.

Multimedia