A Concelleira de Benestar critica os recortes nas políticas sociais da Xunta nun momento no que aumenta a pobreza

Viernes, 16 de septiembre de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, criticou hoxe os recortes nas políticas sociais por parte da Xunta durante a súa intervención, esta tarde, na Escola de Mulleres Dirixentes de UXT, que comezou hoxe en Santiago de Compostela.

Basadre sinalou que “os recortes que fai a Xunta son cada vez maiores nas políticas sociais, nun momento no que aumenta a pobreza e o número de persoas en risco de exclusión social” e manifestou que estes recortes por parte do Goberno galego, por exemplo nos planes de cooperación, fan que os concellos “nos vexamos desbordados pola escaseza de recursos humanos para levar a cabo unha atención de calidade”.

A Concelleira de Benestar Social tamén sinalou que é necesaria “unha política social máis eficiente, transparente, con obxectivos claros, que dispoña dun financiamento asociado a eses obxectivos e cun reparto económico dacordo á realidade humana, social e económica de cada territorio e non baseado en cores políticas”.

En cando á igualdade de xénero, Basadre sinalou que “é necesario dobrar os esforzos na educación e aplicar políticas educativas de igualdade”. Tamén indicou que “dende o Concello de Lugo, a nosa prioridade foi e é avanzar nestas medidas, que son imprescindibles para que as mulleres e os homes teñan acceso en igualdade de condicións ós bens, servizos, traballo e ó tempo de ocio”.