O Alcalde comproba o estado das obras da nova sede da Policía Local e de Protección Civil

Jueves, 07 de julio de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, inspeccionaron hoxe a marcha das obras de construción da nova sede da Policía Local e do Servizo de Protección Civil, que se están a executar en San Fiz financiadas con fondos propios do Concello.

O Alcalde explicou que este investimento municipal suporá que a Policía Local de Lugo e o Servizo de Protección Civil van contar cunhas modernas instalacións ó tempo que o proxecto vai permitir que quede libre o edificio do Vello Cárcere para unha nova intervención financiada do Plan Urban. Ese proxecto consistirá no acondicionamento do edificio do Vello cárcere para transformalo nun novo Centro cultural no centro da cidade.

Ademais, o Alcalde sinalou que a construción do novo edificio para a Policía Local e para Protección Civil supón unha nova aposta do Concello pola dinamización da zona de San Fiz, Montirón e Fontiñas, xa que con el crease un novo equipamento que se suma ós do edificio do Cetal, a nova escola infantil ou a Casa da Xuventude.

López Orozco manifestou que está previsto que a obra estea rematada no mes de setembro. A construción da nova sede da Policía Local e de Protección Civil ten un presuposto de máis de 2.238.000 de euros ós que hai que engadir a mellora por valor de 1.393.000 euros que ofreceu a empresa adxudicataria da obra, Construcciones en Piedra Sigrás S.L. O proxecto foi redactado polo grupo Mestura Arquitectos, gañador dun concurso de ideas ó que se presentaron outras 22 empresas.

O edificio estase construíndo nunha parcela municipal de 3.279 metros cadrados e a superficie construída será de 5.200 metros. O inmoble ten forma de U e dispón de planta soto e dúas alturas. A Policía Local e o Servizo de Protección Civil disporán de dependencias independentes, e tamén compartirán algúns espazos como os adicados a ximnasio ou salas polivalentes. O edificio terá espazo para unha galería de tiro, o centro de control e de pantallas, arquivos, almacéns, vestiarios, cuartos de descanso e garaxe, entre outras instalacións.

www.lugo.es/urban

 

Multimedia