Paz Abraira quere lograr unha cidade "máis habitable" a través dun proceso de "humanización" de rúas e prazas

Miércoles, 06 de julio de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Anunciou que “os veciños serán os primeiros informados das obras que se van a acometer nos seus barrios para que poidan opinar sobre elas e minimizar as molestias que as obras sempre producen”

A concelleira nacionalista anuncia un “control estricto” das obras que acometen outras administracións “para que se cumpran os prazos e queden ben”

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, presentou hoxe os obxectivos e prioridades das súas áreas para os vindeiros catro anos, nos que quere lograr “unha cidade máis habitable” a través dun proceso de “humanización” das rúas e as prazas.

Paz Abraira dixo que quere “que as obras estean ao servizo dos veciños”, polo que anunciou que “os veciños serán os primeiros informados das obras que se van a acometer nos seus barrios para que poidan opinar sobre elas”. “Esta é unha práctica que queremos aplicar en diante: a colaboración permanente cos veciños e veciñas”, afirmou a concelleira nacionalista.

Segundo avanzou Paz Abraira, as distintas actuacións a acometer nos distintos barrios seranlles presentadas aos veciños afectados “coa anterioridade e o tempo suficiente” para que se poidan minimizar as molestias que poidan provocar as obras. Para iso, tamén anunciou unha “colaboración estreita” e unha “maior coordinación” con outros departamentos do Concello, como pode ser o de Tráfico e a Policía Local.

Por outra banda, a nova concelleira de Infraestruturas tamén anunciou que o Concello estará a partir de agora “vixiante” coas obras que acometen outras Administracións dentro do termo municipal de Lugo para que se cumpran tanto os prazos como no resultado final. “É necesario maior control por parte do Concello destas obras, aínda que non sexan de titularidade municipal. Temos exemplos recentes que acarrearon moitísimas molestias aos veciños, como os casos das reformas de Carlos Azcárraga ou da Estrada de Santiago. O Concello ten que velar por que estas obras non creen molestias aos veciños”, dixo Paz Abraira.

Neste sentido, a concelleira de Infraestruturas do Goberno Municipal informou de que xa se teñen detectado algúns problemas na obra da nova ponte que acaba de ser inaugurada relativos á inexistencia de lugares habilitados para os peóns nas rotondas instaladas tanto na estrada de Santiago como na estrada de Portomarín, no barrio da Ponte, onde os viandantes se ven obrigados a circular pola calzada. Paz Abraira dixo que “estas deficiencias deben ser corrixidas, é un grave problema de seguridade vial”, afirmou.

Explicou tamén que a pasada semana foi enviada ao Ministerio de Fomento toda a documentación para solicitar fondos do 1% Cultural para o proxecto de rehabilitación da ponte vella, unha vez se abriu a nova á circulación. “A reforma ten que garantir dúas cousas: a fisionomía histórica orixinal da vella ponte e o servizo aos veciños”, dixo.

Priorización das obras nos barrios do extrarradio

Paz Abraira tamén falou da actual situación financeira dos Concellos, o que limita as posibilidades de facer grandes obras. Neste sentido, de cara aos Orzamentos do vindeiro ano, a concelleira de Infraestruturas xa avanzou que “os orzamentos para obras novas van ser reducidos”, polo que avogou por facer unha “priorización das actuacións a acometer cos fondos que haxa dispoñibles”. Falou de “priorizar as actuacións e a dotación de servizos nos barrios do extrarradio da cidade” porque “os barrios periféricos foron os grandes esquecidos nestes últimos anos e teñen moitísimas carencias”, dixo.

Tamén se mostrou partidaria de que haxa unha “maior planificación á hora de acometer obras nas rúas”, de maneira que “unha rúa que se arranxa hoxe non haxa que levantala dentro de 15 días para meter o cableado, por exemplo”. Para iso, dixo, é necesario facer “reformas integrais nas que se aproveite para renovar todos os servizos”.

A mellora do acceso pola Fervedoira

Dentro das obras de maior calado que é preciso acometer na cidade, Paz Abraira dixo que “un obxectivo prioritario para estes catro anos é mellorar o acceso pola Fervedoira, que é o último dos accesos que falta por arranxar”, lembrou. Tamén insistiu na necesidade de acometer outras obras na cidade como as Rondas Norte e Leste, o Plan Paradai ou as autovías a Santiago e a Ourense, obras que son competencia unhas do Ministerio de Fomento e outras da Xunta de Galiza. “Imos estar vixiantes para que cheguen a bo porto”, xa avanzou.

Posta en marcha da Axenda 21 para lograr unha cidade “máis humana e habitable”

Paz Abraira referiuse tamén á outra pata da súa área, a Axenda 21. Insistiu en que a posta en marcha desta ferramenta é unha “asignatura pendente” do Concello de Lugo, que aprobou no ano 2007 unha folla de ruta que nunha aplicou. O obxectivo neste eido para os vindeiros catro anos é “lograr unha cidade máis habitable na que sexa máis cómodo vivir”, dixo, a través dun proceso de “humanización” das rúas e as prazas da cidade.

http://www.lugo.es/ws/axenda21

Multimedia