O Alcalde confía en que se resolva o problema que xera a retirada do permiso para as cámaras do Ceao

Viernes, 08 de junio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, confía en que sexa revisada a negativa do permiso para o funcionamento das cámaras de videovixilancia do polígono do Ceao.

Así o manifestou o Alcalde logo de manter unha xuntanza con representantes da asociación de empresarios do Ceao, ós que lles explicou todos os trámites que fixo o Concello para renovar este permiso, que foi denegado pola Comisión de videovixilancia da Delegación do Goberno.

López Orozco manifestou trala reunión que “creo que se abre unha luz de esperanza” e explicou que lles comunicou ós empresarios que “non lles vai faltar a colaboración do Concello”. Neste sentido, anunciou que o Concello subscribirá un escrito que teñen previsto presentar os empresarios do Ceao na Subdelegación, dirixido á Delegación do Goberno en Galicia. O escrito irá acompañado das distintas denuncias que presentaron na Policía Nacional empresarios do Ceao que foron vítimas de delitos.

O Alcalde cre que “se abre unha luz de esperanza” para resolver o conflito xerado pola negativa a renovar o permiso para o funcionamento das cámaras, que foi concedido no ano 2008 e renovado nos anos 2009, 2010 e 2011.

Tamén manifestou o Alcalde que “nós non queremos que haxa problemas senón buscar solucións e defendemos que a prevención é un xeito de que non haxa problemas”.

A Delegación do Goberno en Galicia comunicoulle ó Concello a resolución de 26 de marzo de 2012 que non autorizou a renovación da autorización para as cámaras de videovixilancia do Ceao. O Concello interpuxo de inmediato un recurso de reposición contra a denegación do permiso, pero esta reclamación foi desestimada o día 24 de maio.

Multimedia