A creación dunha Empresa con maioría de capital municipal para xestionar o ciclo completo da auga é a opción que resulta máis favorece ós veciños porque é a máis barata

Miércoles, 27 de junio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente denuncia que Jaime Castiñeira quere subir o prezo un 48% máis do que custará coa Empresa mixta

A xestión directa e a concesión obrigarían a subir o prezo do recibo da auga un 70% no primeiro ano

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, denuncia que Jaime Castiñeira pretende que os lucenses paguen o prezo da auga un 48% máis do que vai custar coa creación da Empresa mixta que propón o Goberno local e preguntouse que é o que move ó Voceiro do Partido Popular a querer que os veciños paguen recibos máis caros.

González Dopeso explicou que o Goberno local optou pola creación dunha empresa mixta, na que o Concello terá a participación maioritaria, porque é o xeito máis barato de xestionar todo o ciclo da auga en Lugo, xa que tanto a xestión directa como a concesión obrigarían a subir o recibo un 70% no primeiro ano. A suba prevista no primeiro ano coa fórmula elixida polo Concello non pasará do 22%.

O modelo de empresa mixta ten tamén outras vantaxes, xa que a participación maioritaria do Concello suporá que a administración local vai ter a capacidade de decidir nos órganos de dirección da empresa tanto no que se refire ó seu funcionamento, a política de prezos, e, ademais, os beneficios que dea a explotación do servizo suporán ingresos para as arcas municipais, é dicir repercutirán a favor de todos os veciños de Lugo.

González Dopeso explicou que as outras dúas opcións posibles son a explotación directa do servizo, que obrigaría a facer unha suba do recibo do 70% de xeito inmediato e suporía aumentar o persoal funcionario do Concello, e a xestión mediante unha concesión, que tamén obrigaría a facer unha suba do 70% no recibo porque a concesionaria non pode, por lei, asumir o déficit e, ademais, os lucenses pagarían máis sen que o Concello recibira ningún ingreso se a explotación do servizo dá beneficios.

Empresa viable

O Concelleiro de Medio Ambiente lembrou, tamén, que ninguén, agás Jaime Castiñeira, cuestiona a viabilidade da Empresa. Neste sentido explicou que non o fixo o Interventor no seu informe nin tampouco cuestiona a súa viabilidade, senón todo o contrario, o
estudo financeiro elaborado por un auditor independente que comprobou a viabilidade da Empresa mixta da Auga.

O Interventor di que é viable logo de examinar os datos que lle proporcionou quen mellor coñece o servizo de auga, porque é o departamento que xestiona o ciclo da auga, e os datos económicos que proceden dos servizos económicos do propio Concello

O auditor externo no seu estudo chegou á mesma conclusión que os servizos municipais e comprobou a viabilidade da empresa e a achega municipal, empregando un modelo de cálculo diferente.
 
O estudo financeiro que encargou a Concellería de Medio Ambiente a un auditor externo tivo un custe total inferior a 18.000 euros porque non se trata dunha auditoría, que custaría dez veces máis, senón dunha análise de viabilidade que sería obrigado facer máis adiante para poder inscribir a Empresa no Rexistro Mercantil. Polo tanto, este gasto, de non facerse agora, tería que asumirse máis adiante e ó facelo neste momento, dixo González Dopeso, “adiantamos traballo, corroboramos a viabilidade da empresa e mesmo aforramos pagar a suba do IVA que aprobará Rajoy”.