O Concello avanza na transparencia da xestión económica municipal coa presentación dun informe sobre o pago das facturas

Lunes, 25 de junio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo segue a dar pasos para facer máis transparente a xestión económica municipal coa presentación, por primeira vez, dun informe sobre o pago das facturas.

A Conselleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, comunicou que o informe foi presentado hoxe na Comisión de Contas previa ó Pleno municipal previsto para este xoves.

Méndez explicou que o informe sobre o cumprimento no pago das facturas durante o primeiro trimestre de 2012 dá conta de que o Concello pagou en prazo máis do 87% das facturas. Dun total de 1.733 facturas pagáronse en prazo 1.499 por un importe superior a 10 millóns de euros. As 234 restantes non se pagaron en prazo por motivos como a disconformidade do funcionario responsable de supervisalas co traballo realizado, a complexidade na súa verificación ou a comprobación de que había erros nas facturas que se devolveron ó proveedor para a súa corrección.

A Concelleira de Economía sinalou tamén que, sen ter en conta as facturas que tiveron algún destes problemas, o período medio de pago destes traballos que o Concello encargou a finais do ano pasado foi de 42 días, un prazo que está por debaixo da obriga legal de 50 días establecida para 201.

Sonia Méndez asegurou que “nos próximos trimestres do ano aínda se rebaixará máis o prazo dos pagos de facturas xa que, no primeiro trimestre é cando se producen máis dilacións nalgúns pagos porque a principios de ano é cando se fai o peche da contabilidade do exercizo anterior e se realizan as incorporacións de remanentes necesarias para levar a cabo algúns pagos polo que no segundo trimestre o período de pago será inferior ó dos tres primeiros meses”.

A Concelleira de Economía informou, ademais, que na Comisión de Contas tamén se presentou un informe sobre o feito de que o Concello de Lugo aínda que ten superávit incumpriu un dos obxectivos de estabilidade orzamentaria polo feito de facer uso de aforros para financiar investimentos, algo que era obrigado xa que eses cartos procedían de ingresos de fondos do Plan Urban e o Plan E e non podían adicarse a amortizar débeda.

“É unha pequena incidencia que non nos preocupa pero nin o Goberno local nin o servizo da Intervención municipal estamos dacordo con esta interpretación tan estricta dese criterio de estabilidade”, lembrou a Concelleira de Economía.

Méndez tamén anunciou que “hai noticias de que, a raíz das queixas de Concellos saneados como o de Lugo e para non perxudicar ós que temos unha situación financieira saneada, vaise modificar esa interpretación a través dun Real Decreto que desenvolve a Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria”.

Mentres esa modificación non se produce, actualmente o incumprimento dese criterio obriga á presentación dun Plan económico-financieiro que, no caso do Concello de Lugo, non vai supor nin recortes no gasto nin incrementos impositivos como fixeron outras administracións.

A Concelleira de Economía explicou que “no noso caso, o plan consiste simplemente nunha explicación pormenorizada deste feito e da boa situación económico-financieira do Concello e tamén establece unha serie de medidas que reforzan o que xa vimos facendo como adiantar os pagos de subvencións, diminuir os importes de reconocementos extraxudiciais e da incorporación de remantentes de crédito e intensificar os controis trimestrais dos Orzamentos”.

Multimedia