O Concello adica 123.000 euros a desbroces nas pistas da zona rural

Jueves, 26 de abril de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a contratación do servizo de roza nas pistas da zona rural do Concello de Lugo. Tamén acordou contratar o servizo de desratización e unha auditoría externa do proxecto Muralla Dixital.

Segundo informou o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, que compareceu co primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno Local, a contratación deste servizo faise por un prezo máximo de 122.720, IVE incluído, e cun prazo de execución dos traballos de desbroce que se estima en catro meses.

Os labores de desbroce levaranse a cabo na totalidade das pistas municipais e o importe do contrato calculase tendo en conta un máximo de 800 km a desbrozar por ambas marxes a razón de 130 euros/km. A contratación aprobada hoxe faise tendo en conta un presuposto de máximos, xa que o contrato irase axustando de xeito que sirva de complemento do traballo que levan a cabo as dúas desbrozadoras que son propiedade do Concello.

O servizo de roza contratase para a realización de desbroce mecánico ou manual de maleza en ambas marxes das estradas ata obter un gálibo libre de cinco metros en todo o ancho da estrada ou camiño.

A Xunta de Goberno acordou tamén a contratación do servizo de desratización, desinsectación e desinfección no termo municipal de Lugo. Neste caso, o orzamento máximo é de 30.000 euros, IVE incluído.

Ademais aprobouse a contratación dos servizos de asistencia técnica para a auditoría externa dos gastos certificados polo Concello no marco do proxecto Muralla Dixital. O presuposto máximo de licitación é de 6.000 euros. Este proxecto, cofinanciado nun 75% polo FEDER no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, ten como obxectivo crear unha rede de cidades amuralladas que aposten pola xestión conxunta para a valorización do patrimonio histórico-arqueolóxico.