López Orozco inaugura a Praza do Cantiño o que supón a apertura dun novo treito do paseo interior da Muralla

Viernes, 13 de enero de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Na mesma zona tamén se instalaron unha zona de xogos infantís e un parque biosaudable que pasarán a ser parte do paseo interior da Muralla

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez e o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañados de membros da corporación municipal, inauguraron a Praza do Cantiño, o que suporá a apertura dun novo tramo no paseo interior da Muralla.

López Orozco salientou que “trátase dun día de alegría xa que con esta obra damos máis prestancia a esta praza, ás casas que están ao redor e a Muralla e quero agradecer a labor do equipo de Sonia Méndez, á Deputación Provincial, aos técnicos do Concello e a empresa que rematou antes do prazo establecido e aos establecementos que arranxaron as partes traseiras dos seus negocios.”

Con este proxecto, incluído polo Plan Urban que financian a Unión Europea, o Concello e a Deputación, e que tivo un presuposto de algo máis de 138.000 euros, ademais de renovar a praza adquiriuse un baixo para acondicionar o pasadizo de acceso desde o Cantiño ao paseo interior da Muralla, e que foi adquirido con fondos do Plan Urban, cun presuposto de 123.500 euros. En total son 290 m² totalmente renovados onde se pon en valor o noso patrimonio, dignificamos e recuperamos un espazo para o disfrute dos lucenses e contribuímos á dinamización dos negocios no centro da cidade.

O proxecto consistiu na unificación do pavimento de granito a un nivel, para facelo accesible, e a instalación de mobiliario respectuoso co contorno. Nun lateral puxéronse árbores con bancos, ao pé da escaleira de acceso á Muralla instalarase unha zona a modo de grada que pode ter uso como escenario e a iluminación poñerase no chan para darlle protagonismo á Muralla. O prazo de execución foi de tres meses.

Para acometer as obras na praza agardouse a que pasara o verán e o San Froilán para non prexudicar ós establecementos de hostalería e facilitarlles que puideran seguir explotando as terrazas, aínda que o prazo de execución foi de tres meses.

Zona de xogos infantís e parque biosaudable
O proxecto do Cantiño complétase con outras actuacións que tamén financia o Plan Urban, consistentes no acondicionamento dunha zona de xogos infantís e parque biosaudable, que contou cun presuposto de 66.221 euros.

Ademais leváronse a cabo outras iniciativas na zona, con cargo ao Plan Urban, como a mellora de fachadas de negocios que dan ó adarve da Muralla para as que se aprobaron subvencións por importe de máis de 9.000 euros, 5.237 euros foron concedidas ó restaurante Paprika para a mellora da fachada e a instalación dun rótulo e outros 3.854 euros foi a achega concedida á tenda de comercio xusto Cova da Terra para a mellora da súa fachada.

Achádego durante as obras
As obras de remodelación na praza do Cantiño axudaron a descubrir como era orixinariamente o lenzo interior da Muralla nesa zona. Os restos corresponden coa aliñación orixinal do interior da Muralla nesa zona, polo que houbo que integralos e deixalos visibles, aínda que esta modificación non supuxo un retraso nas obras. O achádego produciuse ó rebaixar a terra nos controis arqueolóxicos efectuados polo que se elaborou un proxecto complementario para integrar os restos arqueolóxicos descubertos na actuación de remodelación da praza do Cantiño.

www.lugo.es/urban

 

Multimedia