Comezan os cursos do Arde Lucus para as ANPAS organizados grazas á colaboración entre o Concello e a Deputación

Lunes, 23 de abril de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Máis de 200 familias das ANPAS de colexios públicos e concertados lugueses aprenden de balde a confeccionar traxes, complementos ou papiros

Esta tarde, a partires das 16:00 horas e ata ás 18:00 horas, as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño acollen os dous primeiros obradoiros do Arde Lucus do total de 29 que terán lugar ó abeiro do convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación provincial. O acordo, co que ditas institucións renovaron a súa colaboración para a undécima edición deste festexo, reflicte unha achega de 18.000 euros por parte do organismo provincial para formar as máis de 200 familias que integran as ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos) dos colexios públicos e concertados da capital luguesa (Albeiros, Casás, Maristas, Menéndez Pelayo e Sagrado Corazón). Os participantes nas xornadas aprenderán, a custe cero, a elaborar os seus traxes e complementos para a cita festiva que terá lugar entre os días 22 e 24 de xuño.

Os cursos deste luns son, por un lado, o de elaboración de pezas de uniformes militares, tanto de romanos como de castrexos, con cartón-pedra, pinturas e verniz. Por exemplo, escudos, corazos ou cascos. A outra acción formativa para hoxe está dirixida a nenos de 3 e 5 anos e inclúe actividades temáticas relacionadas coa festa e adaptadas ás súas habilidades. Os dous obradoiros desenvolveranse de xeito paralelo, permitindo ós maiores aproveitar ó máximo a xornada formativa e os cativos introducirse nos preparativos do Arde Lucus.

O resto de cursos enmarcados no convenio desenvolveranse entre o 4 de maio e o 6 de xuño. Estes son os seguintes: 3 obradoiros de confección de traxes; 2 de papiros; 7 de coroas de loureiro; 8 de complementos en coiro; 3 de escudos; e outros 4 para nenos de 3 a 5 anos.

www.ardelucus.com    www.centrad.org