A Concellería de Medio Ambiente adiantase no encargo do informe dun auditor para poñer en marcha a empresa da auga

Viernes, 20 de abril de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, decidiu encargar o informe dun auditor externo antes de que se produza a aprobación da creación da empresa que xestionará o ciclo completo da auga.

“Preferimos que a empresa teña o aval que supón un perito independente, aínda que non sexa obrigado neste momento, para que quede despexada calquera dúbida e teña a maior seguridade xurídica no momento da súa creación”, destacou o Concelleiro de Medio Ambiente.

González Dopeso tomou a decisión de pedir o informe dun perito independente, a maiores de todos os que xa fixeron os distintos servizos municipais que avalan o proxecto, para que a empresa naza con todo tipo de garantías sobre a súa viabilidade económica e coa maior seguridade xurídica.

Ese informe dun auditor externo sería preceptivo máis adiante, no momento de efectuar a inscrición da empresa no Rexistro Mercantil, pero o Concelleiro de Medio Ambiente acordou anticipar ese paso e dalo antes da aprobación da constitución da empresa.

A Xunta de Compras do Concello acordou hoxe facer o encargo a un auditor de contas para que elabore un informe de valoración e verificación do plan económico da Empresa Mixta da xestión do ciclo da auga por unanimidade. A Concellería de Medio Ambiente adica 17.700 euros a ese fin.

O auditor terá que verificar a viabilidade económica do proxecto da Empresa da auga, tanto no que se refire á achega municipal como ó plan de negocio da mesma.