O Alcalde entregou os diplomas ós participantes en cinco cursos do programa Lugo Emprego Activo

Martes, 15 de marzo de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, entregaron hoxe os diplomas a 75 asistentes a cinco cursos do programa Lugo Emprego Activo.

O Alcalde salientou que o Concello desenvolve este programa de formación en profesións que teñen demanda no mercado laboral “grazas a que conta con financiamento da Unión Europea”.

López Orozco explicou que o Concello segue apostando pola formación porque sinalou que hoxe en día “atopar un traballo sen ter formación non é posible”. Tamén sinalou que estes cursos son para sectores con expectativas laborais, de feito indicou que só as empresas que traballan para o Concello de Lugo en servizos sociais dan traballo a 300 persoas.

Os itinerarios formativos nos que participaron son os de:

-Coidador/a de persoas discapacitadas físicas e psíquicas

-Atención especializada para persoas enfermas de Alzheirmer

-Axentes de desenvolvemento da comunidade discapacitada

-Técnico/a en transporte sanitario

-Monitor/a de educación ambiental

En cada un deles participaron 15 persoas, que percibiron unha beca por asistir a estes cursos nos que recibiron formación teórico-práctica en aula e posteriormente fixeron prácticas en empresas do sector de acordo á formación recibida. Tamén se lles impartiu formación en novas tecnoloxías, medio ambiente, igualdade entre homes e mulleres e loita contra a exclusión social.

Lugo Emprego Activo é un proxecto integral de inserción sociolaboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través do Ministerio de Administración Territorial que desenvolve o Concello de Lugo desde o Espazo>lab, centro de orientación laboral municipal.

Este proxecto ten o obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas participantes, fundamentalmente as que teñen maiores dificultades de acceso ó mercado de traballo, mulleres mozos menores de 30 anos, persoas maiores de 45 anos, desempregados de longa duración e persoas con risco de exclusión social.

Dentro deste proxecto prográmanse itinerarios de inserción para formar ás persoas en profesións que son demandadas polo mercado laboral no sector da atención a persoas dependentes, discapacitadas e de atención ó medio ambiente.

www.lugo.es/espazolab

 

Multimedia