A Mesa de Contratación elixe a oferta da Fundación Fesan para xestionar as novas garderías da Piringalla e San Fiz

Jueves, 10 de marzo de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Mesa de Contratación do Concello propón adxudicar a xestión das novas Escolas infantiis municipais da Piringalla e San Fiz á Fundación Fesan.

A súa oferta económica, que supón unha baixa de 20.000 euros respecto ó prezo de saída do concurso para xestionar cada un dos centros, e o seu proxecto didáctico foron determinantes para que fora elixida.

O prezo de saída era de 260.000 euros para cada unha das escolas infantiis. Cada centro disporá dun director, sete coidadores e persoal de cociña e limpeza. A Escola infantil de San Fiz contará con 61 prazas e a da Piringalla, de 59. Con elas quedará cuberta a demanda de prazas en garderías públicas de Lugo.

A Fundación Fesan conta con experiencia no sector xa que xestiona diversas garderías de Galicia, ademais de centros de día.

O seu proxecto didáctico-educativo foi o que máis puntos obtivo do comité de expertos. Este aspecto e a oferta económica que fixo foron os que primaron para que resultara elixida esta proposta.

Cada unha das dúas novas Escolas infantiis disporá de catro aulas repartidas deste xeito: un aula para nenos de tres meses a un ano, outra para nenos de 1 a 2 anos e dúas aulas para nenos de 2 a 3 anos.

A Concellería de Educación ten previsto facer pública a lista provisional de admitidos nos dous centros no prazo de dúas semanas e a semana que vén abrirase o período para facer a reserva de prazas para o vindeiro curso nas Escolas infantiis Serra de Outes de Gregorio Sanz, tamén dependentes do Concello.

Promoción turística de Lugo

A Mesa de Contratación do Concello tamén acordou hoxe propoñer a adxudicación da elaboración dunha campaña para a promoción turística de Lugo á empresa Blades Comunicación Otrom por un importe de 160.000 euros.
Este proxecto consistirá na realización da creatividade, produción e edición dun audiovisual de promoción turística de Lugo e a planificación e compra de medios para a súa difusión.

Esta iniciativa para promocionar Lugo está cofinanciada pola Secretaría de Estado de Turismo, dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio do Goberno de España.

A contratación deste servizo sairá a licitación nun prezo máximo de 170.000 euros.