AGORA NÓS

Miércoles, 09 de marzo de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Carmen Basadre
 
As mulleres de sesenta e máis son unha xeración que merece recoñecemento, son mulleres anónimas, mulleres coidadoras, traballadoras, nais, avoas, sabias, mulleres esquecidas.  As que puxeron as bases para suxeitar os piares da sociedade na que vivimos e coas que estamos en débeda.
  
A loita polo día a día  dentro das súas propias familias, sen independencia na maioría dos casos, fixo que moitas mulleres nunca viviran nin reivindicaran o "a igual traballo igual salario”.
 
No noso concello preto de 20% da poboación supera os 65 anos, e máis da metade son mulleres. A distribución desigual dos recursos nas diferentes autonomías,  e por ende nos concellos, e as dificultades de conciliación laboral e familiar fan difícil  a consolidación dun novo modelo de atención de persoas que se fai imprescindible.
 
O retrato do coidador segue a ser dunha muller con estudos primarios, sen ocupación remunerada ou escasa e, nunha porcentaxe alta,  filla da persoa afectada.   Os homes só exercen como coidadores se non lles queda máis remedio, se non hai unha muller no seu entorno. Se a persoa dependente é un home a coidadora soe ser a súa parella, pero si é ela a que necesita axuda entón será a sua filla. 
 
A sobrecarga  das coidadoras , o impacto sobre a saúde, a dobre xornada, a depresión, o maior número de accidentes no fogar, a violencia de xénero que moitas mulleres sofren, son problemas moi graves para o deterioro da saúde das mulleres e, por conseguinte, da súa calidade de vida.  Non ter unha boa conciliación xera insatisfación , estrés, e por todo elo vivimos máis,  pero máis enfermas, mais soas e máis pobres tamén.
 
Dende as administracións non podemos caer no paternalismo  e as mulleres non debemos permitir que nos impoñan normas para que voltemos a unha vida que a maioría xa considera superada. Vivimos nunha sociedade con dereitos e dos máis prezados son a liberdade, o respecto, a tolerancia,  a igualdade.  
 
Non podemos dar marcha atrás,  temos que seguir tecendo a madeixa para que as mulleres sexan  tratadas como adultas e con capacidade de decisión.
 
É preciso que dende a política nos impliquemos máis na posta en marcha de medidas que favorezan a conciliación laboral  e  familiar. Pero precisamos que sexan medidas  efectivas, a creación de máis garderías, centros de día, residencias , facer que os homes se impliquen no fogar.
 
Dende o Concello vimos traballando pola igualdade, por promover a conciliación para que as mulleres teñan máis tempo para elas, para que se formen  e  teñan oportunidades de ocio. Creamos máis garderías, ociotecas, prazas en centros de día,  apoio dos comedores escolares, xantar na casa, servizos de axuda no fogar… Medidas  polas que seguiremos apostando para que as mulleres poidan poñer en valor todo o saber que levan dentro e, tamén, disfrutar dun tempo de ocio que tan merecido teñen.  

Con medidas de apoio e a corresponsabilidade entre homes e mulleres poderemos remover as estructuras sociais. Agora é o noso momento. Encaremos o futuro entre todas e todos. Teñamos a ousadía de refacer as nosas vidas e seguir vivindo. Temos ese dereito, somos persoas con capacidades para facer unha sociedade mais xusta e igualitaria.

Despois dos sesenta hai vida, hai un sitio para cada unha na sociedade e todas temos que ocupalo con decisión, sentíndonos satisfeitas polo que levamos conseguido. Por eso este 8 de marzo adicámolo a vós,  mulleres de sesenta e máis, porque o merecedes, porque sempre estades aí anonimamente. É  hora de que vos vexan.
un bico