Entrega de diplomas a 61 desempregados que recibiron formación en cursos organizados polo Concello

Martes, 22 de febrero de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e o Xefe territorial de Traballo e Benestar Social da Xunta, Antonio Dacal, fixeron entrega hoxe dos diplomas a participantes en cursos do programa de formación para desempregados.

O Alcalde manifestou que para o Concello o paro é un problema prioritario “máis que o tráfico ou que facer obras nas rúas, por iso facemos canto podemos para colaborar a que a situación dos desempregados sexa o menos dura posible e buscamos colaboración e recursos tanto da Unión Europea como da Xunta de Galicia”.

Tamén sinalou López Orozco que nalgúns sectores como os servizos sociais medran as oportunidades de atopar traballo dado o envellecemento da poboación. Así, sinalou que as empresas que prestan servizos para o Concello en axuda a domicilio e nos centros de día dan emprego a máis de 200 persoas en Lugo.

Ademais o Alcalde referiuse ós recursos de que dispón o Concello como o Espazo>Lab e o CEI para axudar a buscar traballo ou para a creación de empresas.

Pola súa parte, o Xefe territorial de Traballo felicitou ó Concello de Lugo e ós seus profesionais por “ser capaces de acometer cursos innovadores” e sinalou que as accións formativas ofertadas polo noso Concello “foron das mellor valoradas entre as que presentaron as corporacións locais”.

Os diplomas entregados hoxe corresponden a cinco cursos ós que asistiron 61 desempregados. Dous deles foron de formación en atención sociosanitaria a persoas no domicilio, nos que participaron 30 alumnos. Outros 10 asistiron a un curso de axente de innovación e 9 máis a outro de empregado de xestión financieira de empresas. O quinto curso financiado polo Fondo Social Europeo foi de especialista en dixitalización de documentos, que contou coa participación de 12 persoas.

Multimedia