Visita do Alcalde á remozada rúa Flor de malva

Lunes, 21 de febrero de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, visitaron hoxe a rúa Flor de malva onde se realizaron obras de renovación do pavimento e dos servizos por importe de 496.627 euros.

O Alcalde explicou que as obras executáronse en dúas fases con cargo ó Plan de Cooperación de Obras e Servizos e foron financiadas nun 80% polo Concello e o 20% restante pola Deputación provincial e o Ministerio de Administracións Públicas.
Os traballos consistiron na renovación do pavimento e das beirarrúas, e o proxecto tamén incluíu o cambio das canalizacións de saneamento, abastecemento de auga e de alumeado público.

López Orozco salientou que este proxecto “enmárcase no cambio que está experimentando a cidade que supuxo a renovación de case 500 rúas durante os últimos doce anos”. Tamén sinalou o Alcalde que “seguimos nese traballo de adecentamento da cidade” porque obras deste tipo “favorecen a circulación, evitan accidentes, melloran a mobilidade e contribúen a facilitar a accesibilidade das beirarrúas”.

O Alcalde explicou que na actualidade o Concello está a levar a cabo un proxecto semellante na rúa Otero Pedraio, “que tamén se fará en dúas fases porque as limitacións orzamentarias non permiten facelo todo ó mesmo tempo”. A primeira fase deste novo proxecto execútase no treito comprendido entre a Avenida da Coruña e a rúa Río Eo, segundo explicou o Alcalde.

Multimedia