A Concelleira Basadre informa na Comisión de Benestar Social sobre as xestións que leva feito en relación coa folga na empresa Atendo

Martes, 18 de enero de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre, informou esta mañá na Comisión permanente de Benestar sobre as xestións que leva feito o Concello ante a folga na empresa Atendo que presta o servizo de atención primaria.

A Concelleira informou que no primeiro día de folga, o pasado martes, perdéronse 12 horas que non afectaron á dependencia nin atención persoal. Para Basadre, “o primeiro obxectivo do Concello é que o conflito laboral non teña repercusión na atención ós usuarios, como así foi no primeiro día de folga”, do que destacou que estivo especialmente vixiante sobre o cumprimento dos servizos mínimos, como sucedeu.

Carmen Basadre explicou que “desde o Concello estamos a esixirlle á empresa o cumprimento do convenio e que continúen a negociación cos representantes dos traballadores”. Tamén manifestou a Concelleira de Benestar que “o Concello vai seguir na mesma liña coa empresa ata acadar que, no menor templo posible, resolva as diferencias que ten cos seus traballadores” e sinalou que “os traballadores teñen dereito a cobrar o que está estipulado no seu convenio”.

En resposta ó Partido Popular, Carmen Basadre declarou que “ a Xunta de Galicia non fai máis que cumprir coa súa obriga o subvencionar este servizo”. A responsable municipal de Benestar Social e Igualdade lembrou que a subvención de 1.047.000 euros que aporta a Xunta “non é unha dádiva senón unha obriga derivada do acordado entre o Estado e as Comunidades autónomas a través do Plan concertado, así que a Xunta ten que colaborar coa axuda a domicilio”. Pola contra, salientou que “o Concello non ten esa obriga legal e está a contribuír ó servizo con 800.000 euros”.

Ademais, a Concelleira de Benestar Social sinalou que “se están prestando todos os servizos previstos no contrato”. Así, dixo que o servizo de axuda a domicilio de Lugo cubre as necesidades básicas dos usuarios e, no caso de que os técnicos encargados de facer as valoracións o consideren oportuno, préstanse a maiores outros servizos como fisioterapia, enfermería, podoloxía, perruquería e lavandería.